A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático participou no XVII Simposio internacional sobre enerxías renovables: arquitectura sostible

A Xunta apela a que as administracións asuman un papel clave no cambio cara a un modelo socioeconómico máis sostible e unha transición enerxética xusta

Paula Uría incide na importancia de aproveitar a oportunidade que supón este momento de transformación para impulsar un cambio estrutural que permita seguir avanzando na acción climática e no impulso da economía verde

Ourense, 30 de maio de 2024

A Xunta de Galicia apela a que as administracións asuman un papel clave no cambio cara a un modelo socioeconómico máis sostible e unha transición enerxética xusta que garantan un futuro máis competitivo, máis verde e de calidade.

Nesa liña, a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, incidiu hoxe, na clausura do XVII Simposio internacional sobre enerxías renovables: arquitectura sostible, na importancia de “aproveitar a oportunidade que supón este momento de transformación para impulsar un cambio estrutural que permita seguir avanzando na acción climática e no impulso da economía verde coa creación de novos empregos así como contribuír á cohesión social e territorial”. 

E, no marco dos desafíos da transición enerxética, a directora xeral puxo en valor o traballo que leva realizado a Xunta para avanzar cara a unha “Galicia competitiva e sostible”. Así, entre xaneiro e abril deste ano a xeración renovable acadou por primeira vez o 89,2% de toda a electricidade producida en Galicia e a porcentaxe total de renovable no uso final na Comunidade ascende xa ao 44,3%.

Ademais, o Goberno galego aborda esta cuestión de xeito transversal e, por exemplo, está a traballar para desenvolver edificios públicos existentes e dotar os xa existentes de sistemas de climatización eficientes. De feito, a Xunta iniciou recentemente a licitación do contrato das obras de mellora da envolvente térmica e enerxética da sede da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en Santiago de Compostela, por un importe de preto de 3,5 millóns de euros.

Estas actuacións de rehabilitación do inmoble pretenden reducir polo menos un 30% o consumo de enerxía de orixe non renovable das instalacións, polo que se benefician dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation.

A maiores, este ano está previsto iniciar as obras de mellora da eficiencia enerxética do centro de interpretación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés cun investimento de máis de 600.000 euros, unha actuación que conta con financiamento do Plan PIREP (Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos).

Para concluír, a directora xeral reiterou que “non é posible crecer economicamente se non se fai desde a base dunha economía verde” que permita avanzar cara a unha sociedade moderna, competitiva e equitativa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/05/2024