Xosé Merelles anima a explorar “os retos e oportunidades” do Camiño no horizonte do Xacobeo 27

O director de Turismo de Galicia participa en Mondoñedo na inauguración do encontro ‘Os Camiños de Santiago en Galicia, o seu coñecemento e divulgación’

Mondoñedo (Lugo), 30 de maio de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou no Concello de Mondoñedo, na inauguración do encontro Os Camiños de Santiago en Galicia, o seu coñecemento e divulgación onde animou a “explotar os retos e as oportunidades que ofrece o Camiño sen perder a perspectiva do pasado e tendo moi en conta a investigación e pensamento ao redor da ruta”. Neste sentido recordou que a Xunta de Galicia ten en marcha o Plan Director dos Camiños de Santiago no horizonte do vindeiro Ano Santo.

Organizado pola Federación Galega de Asociacións do Camiño de Santiago co apoio da Xunta, o encontro desenvólvese deste hoxe ata o sábado no Concello de Mondoñedo, e a súa programación inclúe un roteiro pola variante marítima do Camiño do Norte, reunións de colectivos e institucións xacobeas, unha romaría e tamén unha charla informativa sobre unha viaxe turística cultural xacobea a Cuba a finais deste ano.

Xosé Merelles eloxiou a variada e completa programación do encontro “co denominador común do Camiño como eixe vertebrador”. Neste punto, lembrou que se trata do “itinerario de referencia que nos une con Europa, convertido nunha senda viva e nun espazo de encontro plural, solidario e aberto” sen esquecer ademais o carácter socioeconómico do mesmo.

“O Camiño é un referente turístico de primeira orde”, sinalou ao tempo que destacou que constitúe tamén “unha oportunidade para amosar os recursos e as excelencias de Galicia entre as que destacan os lugares e Concellos polos que discorre”.

Referíndose ao Concello de Mondoñedo como lugar polo que pasa o Camiño do Norte, puxo en valor que a estas alturas do ano, xa o visitaran máis de 4.000 peregrinos. “Todo isto –engadiu– levounos a facer unha aposta forte por revalorizar os recursos turísticos deste Concello e amosar así aos seus visitantes o mellor destas terras”.

Neste sentido, destacou que na última década, Turismo de Galicia investiu máis dun millón de euros en actuacións de distinto tipo que van desde a mellora das infraestruturas turísticas ata a rehabilitación de edificios arquitectónicos.

Data de actualización: 30/05/2024