A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela, asinaron esta mañá a ampliación do convenio deste programa

A Xunta incrementa os usuarios do Xantar na casa en Ferrol para atender a un total de 85 persoas

Trátase de 15 usuarios máis que na actualidade, o que elevará o orzamento destinado a este servizo por parte do Goberno galego ata os máis de 95.000 euros ao ano en Ferrol

Ferrol, 30 de maio de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asinaron esta mañá o convenio de ampliación do servizo Xantar na casa para pasar de 70 a 85 persoas atendidas neste concello. Deste xeito, o Goberno galego destinará máis de 95.000 euros para a súa posta en funcionamento en Ferrol.

A conselleira lembrou que o programa Xantar na casa é un dos máis asentados dentro da carteira de servizos da Xunta de Galicia. Permite levar menús semanais, sans e equilibrados aos fogares das persoas que viven soas para que coiden a súa alimentación e estean mellor atendidos. Na actualidade, no conxunto de Galicia, a Xunta reparte máis de 17.000 menús semanais a máis de 2.500 usuarios de todo o territorio para o que destina máis de 3,5 millóns de euros.

Fabiola García sinalou que o Goberno galego aposta por levar servizos aos fogares das persoas maiores para que poidan decidir onde vivir esta etapa das súas vidas. Neste sentido, destacou a ampliación das prazas nos centros de día públicos autonómicos de Esteiro e Caranza, que permiten ofrecer atención diúrna a estas persoas ao tempo que seguen vivindo nas súas casas.

Tamén puxo en valor o Bono Coidado no Fogar, unha axuda económica de 5.000 euros ao ano para todas as persoas dependentes que son atendidas nas súas casas, independentemente do seu grao de dependencia ou situación económica.  Unha axuda que reciben nestes momentos máis de 350 ferroláns.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/05/2024