Martínez Allegue visita as obras de rehabilitación dun edificio no casco vello de Vigo coas que se porán á disposición da cidadanía seis novas vivendas

Trátase dun edificio na rúa Elduayen 31 cuxo orzamento ascende a 825.000€

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas visitou tamén outro inmoble na Rúa Hortas cuxa restauración se iniciará este verán

Vigo, 30 de maio de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe as obras de rehabilitación dun edificio na rúa Elduayen, nº31 que promove o Consorcio do Casco Vello de Vigo e coas que porán á disposición da cidadanía seis novas vivendas de promoción pública no conxunto histórico da cidade. Martínez Allegue visitou tamén outro dos inmobles que será obxecto de rehabilitación na rúa Horta por parte do Consorcio Casco Vello, participado pola Administración autonómica nun 90%.

A conselleira puxo en valor as rehabilitacións que se están a promover desde o Consorcio “que están a permitir impulsar e revitalizar o casco antigo de Vigo con todo o que isto significa”. “Grazas ao esforzo e compromiso do Consorcio do Casco Vello de Vigo  hoxe é un dos barrios máis emblemáticos da cidade -sinalou-. Un barrio vivo, fermoso, un atractivo turístico tamén. Estamos a transformar un conxunto histórico nun área habitable, renovada e que desfrutan veciños e visitantes. Vivir nunha contorna fermosa xera orgullo e benestar, xera economía e emprego”.

Coa rehabilitación do edificio da rúa Elduayen 31, poñeranse a disposición da cidadanía 6 vivendas de protección autonómica (de dous e tres habitacións) e un local comercial. O investimento ascendeu a 825.000€.

Por outra banda, o inmoble da rúa Horta, nº2, unido ao de Hortas 4 e rúa San Sebastián 20 vai dar como resultado unha promoción de dúas novas vivendas. A previsión é que as obras comecen no verán, cun investimento de 650.000€ (sen IVE).  Ademais, están en proceso de licitación outras 7 vivendas. Cinco delas están nas rúas Elduayen 39 e Ferrería 16 (1,1M€) e 2 na Ribeira do Berbés (511.635€).

Xunta está a ultimar as obras de rehabilitación dun edificio na rúa Elduayen, nº31 de Vigo coa que porá á disposición da cidadanía seis novas vivendas de promoción pública no conxunto histórico da cidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/05/2024