Martina Aneiros visitou esta mañá coa súa xerente o establecemento de celebración de eventos La Casa de la Tía Julita, en Ares

A delegada territorial da Xunta en Ferrol lembra a autónomos e pemes que poden solicitar as axudas para o emprendemento ata o 28 de xuño

Dentro das actuacións subvencionables atópanse investimentos relacionados coa adquisición de equipamento informático, mobiliario, en eficiencia enerxética, entre outros

Como novidade desta convocatoria, este ano dáse cobertura tamén aos gastos notariais e de rexistro relacionados coa actividade desenvolvida

Ares (A Coruña), 30 de maio de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, lembrou esta mañá a autónomos, mutualistas, pemes e entidades de economía social que o prazo para solicitar as axudas autonómicas ao emprendemento está aberto ata o próximo 28 de xuño. A representante do Goberno galego fixo este recordatorio no marco dunha visita realizada ao establecemento de celebración de eventos La Casa da la Tía Julita, un dos beneficiarios da pasada convocatoria destas axudas.

Tal e como explicou a súa xerente, María Belén Martínez, a axuda percibida de preto de 6.000 euros foi empregada na adquisición dun novo lavalouzas (mellora de equipamento) e dunha lámina de protección solar e térmica (investimento en eficiencia enerxética), así como a restauración dun sofá tipo chester, dentro da liña de habilitación de instalacións.

Aneiros lembrou que a finalidade desta axudas, que contan este ano cun orzamento de 6,5 M€, non é outra que a de “impulsar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica e á mellora da súa competitividade”.

As achegas van dos 3.000 € aos 30.900 € (en función da magnitude do investimento realizado) para dar cobertura, entre outros, a gastos vencellados co proxecto empresarial en materia de equipamento  informático, eficiencia enerxética, equipamento e mobiliario, ou na reforma das instalacións.

Aneiros apuntou que como novidade nesta convocatoria fináncianse os gastos notariais e/ou rexistrais directamente relacionados coa actividade subvencionada que sexan indispensables para a súa axeitada preparación ou execución, cun máximo de 300 € por persoa beneficiaria. Tamén os gastos de aluguer correspondentes ao local ou centro de traballo no que se realice a actividade subvencionada cun máximo de 600 € por persoa beneficiaria.

Para acceder a estas axudas é requisito que os destinatarios -persoas traballadoras autónomas, mutualistas, pequenas e medianas empresas, sociedades cooperativas e laborais, así como as empresas de inserción e os centros especiais de emprego- estean dados de alta e iniciaran a súa actividade económica a partir do 1 de xaneiro de 2022.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/05/2024