O presidente da Xunta participou na inauguración da 46ª edición deste evento

Rueda destaca a Feira Internacional Abanca Semana Verde como mostra da potencia do rural en Galicia

Reafirma o apoio da Xunta a agricultores e gandeiros para garantir o seu futuro

Silleda, 30 de maio de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a Feira internacional Abanca Semana Verde como unha mostra da potencia e das oportunidades de futuro do rural en Galicia.

Así o sinalou hoxe durante a inauguración da 46ª edición deste evento, na que estivo acompañado polos conselleiros de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; de Emprego, Comercio e Emigración, José González; e do Medio Rural, María José Gómez.

O titular do Executivo galego puxo en valor o carácter rural de Galicia, e o seu liderado en produtos co selo de Galicia Calidade. Así, considerou que é preciso seguir tomando iniciativas para garantir o futuro de agricultores e gandeiros, como está a facer o Goberno galego con propostas como as leis para estruturar o sector, as estratexias específicas para o leite, a carne ou o viño; ou as liñas de axudas para a profesionalización e remuda xeracional.

Rueda tamén considerou importante seguir dando visibilidade ao rural, como se fai precisamente na Semana Verde.  Neste sentido, felicitou ao evento por ter sido capaz de manter o foco no rural e apostar por un “medio rural potente e que se renova constantemente”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/05/2024