A Xunta convoca tres novas prazas de investigador distinguido no programa Oportunius para captar e reter talento científico en Galicia

Deste xeito superarase, por primeira vez, a vintena de investigadores contratados polo Goberno galego ao abeiro deste programa

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 14 de xuño e a convocatoria céntrase nas áreas de Ciencias Sociais e Humanidades e Ciencias Físicas e Enxeñaría

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2024

A Xunta de Galicia vén de publicar a convocatoria de tres novas prazas de investigador distinguido para persoas beneficiarias dunha bolsa do Consello Europeo de Investigación (ERC) no programa Oportunius de xeración, retención, retorno e atracción de talento. Deste xeito, superarase, por primeira vez, a vintena de investigadores contratados polo Goberno galego ao abeiro deste programa, integrado neste momento por 18 persoas vencelladas ás tres universidades públicas de Galicia.

As persoas que obteñan estas prazas poderán desenvolver a súa actividade investigadora en Galicia, baixo a modalidade de persoal investigador distinguido. Farano nun organismo público de Investigación radicado en Galicia, a determinar pola persoa que ocupe o posto. O prazo de presentación de solicitudes, que deberán facerse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, está aberto ata o 14 de xuño.

Ciencias Sociais, Humanidade, Físicas e enxeñaría

En concreto, unha das prazas vai dirixida a investigadores cunha bolsa Synergy Grant que desenvolvan a súa actividade na área das Ciencias Sociais e Humanidades. As outras dúas van destinadas a beneficiarios de bolsas Consolidator Grant, ambas na área das Ciencias Físicas e Enxeñaría.

As funcións do persoal investigador distinguido que acade as tres prazas da convocatoria consistirá na realización de actividades de investigación ou na dirección de equipos humanos, centros de investigación, instalacións e programas científicos e tecnolóxicos singulares de gran relevancia no ámbito do coñecemento de que se trate, no marco das funcións e obxectivos da Axencia Galega de Innovación.

Para acceder a estes contratos, os aspirantes deberán ser beneficiarios das devanditas bolsas ERC e ter a titulación de doutor ou equivalente, entre outros requisitos. Unha vez comprobado o cumprimento de todos os esixidos, a selección efectuarase en dúas fases. A primeira delas consistirá na valoración dos méritos alegados e acreditados polos aspirantes, como as publicacións de carácter científico, as comunicacións ou relatorios en congresos ou reunións científicas ou a participación en proxectos ou contratos de I+D+i.

A segunda fase consistirá na exposición oral e pública pola persoa aspirante, durante un tempo máximo de 60 minutos, sobre as características do proxecto que pretende realizar. Valorarase o seu coñecemento da especialidade e das innovacións e avances científicos, así como a súa visión da evolución da área no futuro e das liñas de investigación posibles.

A duración dos contratos está vinculada ao resultado da avaliación cada cinco anos da actividade investigadora.

Case 14 M€ investidos

O programa Oportunius, que xestiona a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, brinda o impulso necesario de formación e asesoramento para acceder ás axudas do Consello Europeo de Investigación. Así mesmo, ofrece incentivos económicos para as persoas investigadoras que xa dispoñan dunha axuda ERC e elixan Galicia para desenvolver o seu proxecto científico.

A día de hoxe máis da metade dos 31 investigadores que obtiveron en Galicia axudas ERC están contratadas pola Xunta de Galicia como investigadores distinguidos ao abeiro deste programa. A iniciativa apoia todos os proxectos beneficiarios destas axudas europeas, que son marcador internacional de excelencia e liderado científico, o que supuxo un investimento total de máis de 13,8 M€ a 2023, desde a posta en marcha en 2014 do Oportunius.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/05/2024