O presidente do Goberno galego asiste á inauguración do I Congreso de Mobilidade Sustentable en Medios de Transporte- FP Galega

A FP galega terá a oferta máis alta da súa historia no vindeiro curso

Rueda salienta que se van reforzar os títulos de alta especialización que permiten combinar materias ou cursos de ciclos distintos para formar perfís profesionais moi concretos

Galicia é pioneira neste tipo de ensinos ao ofertar o ano que vén 24 títulos especializados, 13 deles de nova implantación

O obxectivo é garantir a inserción laboral dos alumnos que xa está no 85 % e chega case ao 100 % no caso da FP Dual

Subliña a oportunidade que ten o sector da automoción de Galicia para situarse como referente da mobilidade sostible do futuro

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 30 de maio de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta do Goberno galego por promover a Formación Profesional ao ampliar, un ano mais, a oferta de prazas cara ao vindeiro curso 2024-2025.

Durante a inauguración do I Congreso de Mobilidade Sustentable en Medios de Transporte- FP Galega que se celebra en Vilagarcía de Arousa, Rueda adiantou que o Consello da Xunta aprobará o luns a oferta de FP para o novo ano académico que será a máis alta da súa historia. O obxectivo é ofrecer estudos especializados e adaptados ás necesidades do territorio e o tecido empresarial galego para garantir a inserción laboral das persoas que opten por estas ensinanzas.

Nesta liña, o presidente asegurou que se van reforzar os chamados títulos de alta especialización, é dicir, as ensinanzas que permiten que os alumnos combinen cursos ou materias de ciclos ou graos distintos coa finalidade de formar a profesionais con perfís moi concretos e especializados. O vindeiro curso serán 24 as titulacións deste tipo que se ofertarán en Galicia, 13 delas de nova implantación.

Galicia é pioneira en toda España en poñer en marcha este tipo de titulacións coas que dar resposta específica as demandas do tecido produtivo da comunidade. O presidente da Xunta asegurou que “as sociedades que non dan importancia á FP son aquelas que non van poder evolucionar ao ritmo que evoluciona o mercado e a demanda”.

Rueda, que lembrou a “revolución silenciosa” que experimentou a FP galega nos últimos anos -ao aumentar un 80 % o número de matriculados desde 2009 e acadar datos históricos con máis de 64.000 alumnos-, fixo fincapé en que nestas ensinanzas a taxa de inserción laboral é do 85 % e case chega ao 100 % no caso da FP Dual.

Ademais salientou a importancia de foros como este Congreso para que empresas e comunidade educativa colaboren e sumen forzas para afrontar os retos e desafíos dun dos principais motores da economía en Galicia como é a automoción que representa máis do 13 % do PIB galego e xera 25.000 empregos en toda Galicia.

Nesta liña, o titular do Goberno galego lembrou que este sector está a vivir unha gran transformación coa chegada do vehículo eléctrico e a aposta por desprazamentos máis sustentables. Rueda subliñou que Galicia xa é líder nacional na produción de vehículos e ten unha grande oportunidade para ocupar un papel prioritario no deseño da mobilidade do futuro.

O Goberno galego reforza o compromiso cunha mobilidade máis respectuosa co medio ambiente mediante a folla de ruta cara 2050, a Estratexia Galega de Mobilidade, dotada de 420 millóns de euros. Ademais, o Executivo galego acaba de aprobar unha liña de 18 millóns de euros para axudar as empresas auxiliares de automoción na adaptación aos novos modelos de produción e segue reclamando ao Goberno central infraestruturas claves como a conexión ferroviaria de alta velocidade con Portugal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/05/2024