A Xunta defende que a política de planificación industrial de Galicia facilita o acceso ao solo industrial, potencia o emprego e fornece o tecido empresarial galego

A Conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliña que o Goberno galego aposta por un desenvolvemento do solo industrial ben dimensionado, adaptado ás demandas reais e que prioriza o respecto ao territorio

Pon en valor a integración das competencias de solo empresarial no departamento que dirixe a través da creación da Dirección Xeral de Estratexia industrial e solo empresarial

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, defendeu hoxe no Parlamento galego que a política de planificación industrial da Xunta facilita o acceso das empresas ao solo industrial, potencia o emprego e fornece o tecido empresarial galego.

Neste contexto, Lorenzana explicou que a primeira gran aposta do Goberno galego en canto á planificación da creación de solo empresarial ven coa integración na Consellería de Economía e Industria desta competencia a través da posta en marcha da Dirección Xeral de Estratexia industrial e solo empresarial. Unha medida que, segundo avanzou, se verá completada co custo cero do solo público empresarial durante 8 anos. Dúas iniciativas coas que “tratamos de responder ás necesidades e demandas reais das empresas, que é o noso principal obxectivo”.

Lorenzana explicou que o Goberno galego ten apostado sempre por un modelo de desenvolvemento do solo empresarial público flexible adaptado ás necesidades das persoas emprendedoras, co obxectivo de servir de factor dinamizador do crecemento e desenvolvemento do sector industrial no territorio, e na busca da eficiencia do investimento e do incremento de oportunidades para quen quere emprender.

Neste sentido, a titular de Economía e Industria subliñou que a Xunta vai seguir apostando por un desenvolvemento do solo industrial ben dimensionado; adaptado ás demandas  reais, priorizando as zonas industriais, e tendo en conta as afeccións territoriais e as infraestruturas e recursos necesarios para as industrias. E todo isto ao mesmo tempo que se prima a flexibilidade e a axilidade acompañadas de seguridade xurídica e do respecto ao territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2024