O presidente do Goberno galego asistiu á entrega do XII Premio Ramiro Carregal de Investigación Oncolóxica e ao V Premio Talentos Emerxentes

Rueda destaca a aposta da Xunta por consolidar Galicia coma un referente na prevención e abordaxe do cancro

Salienta medidas coma a ampliación dos cribados, a compra de fármacos innovadores ou a posta en marcha do Centro de fabricación de medicamentos CAR-T en Santiago

Galicia foi a primeira comunidade en iniciar as obras dun centro de protonterapia público que permitirá tratar aos pacientes cun tipo de radioterapia máis precisa e eficaz e con menos efectos secundarios

Resalta que a Xunta triplicou o orzamento para investigación sanitaria desde 2020 ata chegar aos 6,3 M€

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta do Goberno autonómico por situar Galicia á vangarda no eido da Oncoloxía e consolidar á comunidade coma un referente na prevención e abordaxe do cancro.

Nesta liña, durante a súa intervención na entrega do XII Premio Ramiro Carregal de Investigación Oncolóxica e o V Premio Talentos Emerxentes, Rueda resaltou algunhas medidas postas en marcha nos últimos anos pola Xunta coma a ampliación dos cribados de cancro -incorporando o de próstata e pulmón e ampliando ata os 74 anos o de mama- ou a compra de fármacos de última xeración.

Ademais, Galicia foi a primeira comunidade en iniciar as obras dun centro de protonterapia público para tratar aos pacientes con este tipo de radioloxía que é máis efectiva e precisa e ten menos efectos secundarios e xa ten en marcha o Centro de fabricación de medicamentos CAR-T en Santiago para deseñar novas terapias.

Rueda, que estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez, asegurou que o futuro da sanidade pasa por ofrecer unha medicina cada vez máis personalizada e resaltou o importante labor que realizan os investigadores para facer progresos na sanidade. Agradeceu o traballo dos premiados -Ignacio Melero na categoría de Investigación Oncolóxica e Arkaitz Carracedo en Talentos Emerxentes- e fixo fincapé no compromiso da Xunta coa investigación sanitaria ao triplicar o orzamento para este área desde 2020 ata alcanzar os 6,3 millóns de euros este ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2024