A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participa na xornada Plan de xestión de residuos industriais de Galicia: cara a unha economía circular e sostible

A Xunta apela á colaboración entre administracións e tecido productivo para consolidar a Galicia na vangarda da acción climática e enerxética

Ángeles Vázquez pon en valor o Plan de xestión industriais de Galicia, aprobado recentemente co obxectivo de que se converta na folla de ruta a seguir nesta materia e cumprir coas obrigas que establece a normativa europea

Explica que a Comunidade xa está a obter resultados das políticas postas en marcha neste eido como os avances no cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sustentable, situándose en todos eles por riba dos datos a nivel nacional

A Coruña, 29 de maio de 2024

A Xunta apela á colaboración entre administracións e tecido produtivo para consolidar a Galicia na vangarda da acción climática e enerxética e seguir avanzando cara a un modelo de economía baseado na circularidade como base dunha sociedade moderna, competitiva e equitativa.

Durante a súa participación na clausura da xornada sobre o Plan de xestión de residuos industriais de Galicia: cara a unha economía circular e sostible, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, incidiu en que “administracións e tecido produtivo debemos ir da man no desenvolvemento dunha nova sociedade na que nada se desperdicie, senón que todo se aproveite”.

Nesa liña, a conselleira puxo en valor o Plan de xestión industriais de Galicia (Priga), que a Xunta aprobou recentemente co obxectivo de que se converta na “folla de ruta” a seguir nesta materia e cumprir coas obrigas que establece a normativa europea. Así, lembrou que o PRIGA ten a finalidade de “incidir no primeiro chanzo da xestión dos residuos, que é reducir a súa xeración, e, ademais, impulsar o seu correcto tratamento”.

Para avanzar nese obxectivo, o PRIGA contempla 40 medidas e actuacións orientadas a contribuír á transformación do tecido empresarial galego, entre as que destacan a convocatoria de axudas para adaptar os procesos produtivos ao uso de envases reciclables, impulsar proxectos de I+D para tratar novos residuos e desenvolver plataformas de venda de materiais de segunda man, ou a posta en marcha do novo Servizo especializado de economía circular industrial para asesorar ás empresas na optimización da xestión dos refugallos.

Nese senso, para facilitar a transición das empresas galegas cara á economía circular, o PRIGA prevé mobilizar un total de 75 M€, dos que a Xunta achegará 21 M€ e o resto será aportado polos Sistemas Colectivos de Responsabilidade Ampliada do Produtor (SCRAPs) e promotores privados.

Cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sustentable

A maiores, durante a súa intervención nesta xornada organizada pola Asociación Profesional de Empresas Medioambientais (Aproema), Ángeles Vázquez incidiu en que a Comunidade xa está a obter resultados das políticas postas en marcha nesta materia. De feito, Galicia está avanzando no cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) marcados a nivel global pola chamada Axenda 2030, situándose xa en todos eles por riba dos resultados a nivel nacional.

“En 16 dos 17 ODS que Nacións Unidas fixa como meta, os resultados a nivel galego están por riba dos estatais”, aseverou a conselleira, que subliñou que a evolución destaca especialmente nos apartados de auga limpa e saneamento, enerxía accesible e non contaminante, e vida dos ecosistemas terrestres.

Ademais, no que atinxe ás enerxías non contaminantes, hai indicadores, como o peso das renovables sobre a produción total de enerxía eléctrica -un 75,6%, no ano 2020- ou a redución do consumo, que confirman os avances notables acadados para a consecución deste ODS.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2024