A Xunta propón un novo edificio para o Centro de Saúde do Sagrado Corazón e crear una zona verde aberta que vertebre o barrio

O Goberno galego expuxo hoxe a súa proposta ao Concello de Lugo nunha reunión na que participaron o delegado territorial, Javier Arias, e a alcaldesa, Paula Alvarellos, e técnicos de ambas Administracións

Configúrase unha área permeable co entorno, da que se eliminan edificacións sen uso para construír unha praza e habilitar accesos aos servizos e ás vivendas da contorna

Ante a súa solicitude, e aproveitando a presenza dos técnicos, explicouse tamén a proposta á Asociación de Veciños Sagrado Corazón

Lugo, 29 de maio de 2024

O proxecto da Xunta de Galicia para o novo centro de saúde do Sagrado Corazón, en Lugo, propón a construción dun novo edificio, unha praza pública, novos accesos e zonas verdes, configurando unha área aberta ao entorno, integrada coa igrexa, as vivendas e outros espazos circundantes.

 

O Goberno galego expuxo hoxe a súa proposta ao Concello de Lugo nunha reunión na Delegación Territorial na que participaron o delegado territorial, Javier Arias; a alcaldesa, Paula Alvarellos; o xerente da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; Óscar López, de OLAestudio, arquitecto autor do proxecto por encargo da Consellería de Sanidade, así como representantes e técnicos de ambas administracións.

 

Logo de avaliar distintas solucións técnicas, a Xunta opta por edificar un inmoble para acoller os servizos sanitarios, que será moderno, amplo, funcional e confortable, e estará situado dunha maneira transversal á rúa no lugar que ocupaba a pista polideportiva.

 

Javier Arias apuntou que o Goberno galego quere “abordar a construción do novo centro de saúde como unha oportunidade de mellora urbana para o barrio, cunha proposta que non só da resposta ás necesidades sanitarias senón que contribúe a facer cidade, na liña da intervención realizada no barrio da Residencia”.

 

Así, elimínanse catro edificacións sen uso -entre elas dúas no perímetro xunto á igrexa-,  deixando en pé a principal, e no seu lugar créanse os accesos e espazos axardinados. Ademais, con esta medida resólvense os problemas de accesibilidade que sofren os veciños e veciñas do edificio que linda co vello patio escolar. 

 

Arias destacou que se trata dun proxecto urbano que cambiará o barrio, despexando unha zona que presenta unha excesiva densidade edificatoria, gañando espazos verdes e mellorando a conectividade porque se crean vías públicas para o tránsito de peóns, ambulancias e outros vehículos.

 

“O proxecto, que creo que tivo unha boa acollida tanto polo Goberno municipal como polos veciños, non se limita a deseñar o centro de saúde, senón que quixemos ir un paso máis alá e deseñar un espazo que cambie a dinámica urbanística e social desta zona, e por iso tamén espero a colaboración do Concello neste asunto de vital importancia para a cidade unha vez que se materialice a cesión dos terreos”, indicou o delegado.

 

Reunión cos veciños

Aproveitando a presenza dos técnicos e do redactor do proxecto, e dado que a Asociación de Veciños Sagrado Corazón solicitara unha reunión por este tema, Javier Arias reuniuse posteriormente con representantes desta entidade para explicarlles os pormenores da proposta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2024