A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, dá a coñecer o documento elaborado pola APLU e o Colexio Oficial de Arquitectos

A Xunta presenta as fichas técnicas para facilitar o traballo dos axentes urbanísticos e promover o uso sostible do territorio

A nova documentación informativa compila dun xeito sinxelo as fichas relativas ás servidumes procedentes das normativas autonómica e estatal, incorporando todas as novidades aprobadas na última década

A conselleira destaca que as fichas nacen do convenio de colaboración entre a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e o COAG en resposta a unha demanda do sector para facilitar o traballo diario e reforzar a seguridade xurídica e técnica na súa tarefa profesional

O material presentado está dirixido fundamentalmente a arquitectos, enxeñeiros, aparelladores e demais profesionais do ámbito urbanístico e contribúe á ordenación de criterios entre as distintas institucións con competencias

Santiago, 29 de maio de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta, María Martínez Allegue, presentou hoxe as novas fichas técnicas de servidumes para facilitar o traballo dos axentes urbanísticos e promover un uso sostible do territorio.

Este documento é froito da colaboración entre a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) a través dun convenio e, trala súa recente aprobación no Consello da Xunta, foron dadas a coñecer aos profesionais do ámbito de ordenación do territorio nun acto celebrado na sede colexial na praza da Quintana en Santiago, no que ademais de Martínez Allegue, participaron o presidente do COAG, Luciano Alfaya e a directora da APLU, Victoria Núñez.

Esta nova ferramenta compila nun documento informativo único as fichas relativas a servidumes procedentes das normativas autonómica e estatal, que inclúen todas as novidades normativas aprobadas na última década no eido urbanístico.

Como destacou a conselleira, o documento naceu da propia demanda do sector “á que quixemos dar resposta” e supón “un instrumento fundamental para a mellora do traballo dos profesionais e tamén na defensa e promoción dun uso sostible do territorio”.

As fichas para consulta técnica están dirixidas a arquitectos, aparelladores, enxeñeiros e demais profesionais do ámbito. “Esta ferramenta foi deseñada precisamente para abordar esa necesidade, compilando e organizando a lexislación relevante nun documento accesible, que vos proporcionará unha base sólida para desenvolver o voso traballo con plena seguridade xurídica” -destacou Martínez Allegue-.

Lembrou que “nun entorno legal en constante cambio, manterse actualizado con todas as normativas pode ser un desafío. Iso quixemos abordar a través desta ferramenta novidosa e facilitadora”. As fichas concentran toda a normativa dunha maneira sinxela e visual e, deste xeito, contribúen á coordinación de criterios entre as distintas institucións.  “Servirán de base diaria do voso traballo e permitirán reforzar a seguridade técnica e xurídica na vosa tarefa profesional -explicou Martínez Allegue-. E cremos que dun xeito máis amplo, axudamos con ferramentas como esta a desenvolver un urbanismo responsable”.

A conselleira puxo en valor a colaboración da Xunta co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, “entidade coa que mantemos a máxima vontade de cooperación e seguimos a avanzar con proxectos conxuntos como este”.

Pola súa parte, Luciano Alfaya agradeceu á conselleira e á directora da APLU que decidisen apostar pola sede do COAG, que este ano celebra o seu 50 aniversario, para acoller este acto, “un exemplo da colaboración fluída e constante que queremos manter ca administración autonómica”. Destacou que as fichas facilitarán o traballo dos profesionais relacionados co urbanismo e a arquitectura, e redundarán nun beneficio para o conxunto da sociedade galega. “Son un instrumento de consulta completo e áxil, pensado para facilitar o traballo de planificación e axilizar o feito construtivo” –indicou–.

Tamén o decano sinalou a aposta do Goberno galego coa creación da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que permitirá colaboracións futuras co Colexio, como por exemplo, o Proxecto Terra do que se agarda presentar en breve a súa nova etapa.

Trala presentación, celebrouse unha xornada dirixida a técnicos na que interviñeron a subdirectora xeral da APLU, Olalla Flores; o arquitecto da Área Técnica do COAG, Alberto Escobar; e o arquitecto colexiado, Federico García Gil, responsable da redacción das fichas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2024