Caamaño destaca que vacinas como a administrada fronte ao VRS cunha efectividade do 82% fan que Galicia conte co calendario de inmunización universal e gratuíto máis completo do mundo

Galicia sitúase na actualidade na vangarda do ámbito da vacinación, ademais de ser pioneira na incorporación do anticorpo que fai fronte ao virus respiratorio sincitial  

Desde o ano 2020 o Executivo galego duplicou o investimento destinado ao programa de vacinación, achegándose este ano aos 40 millóns de euros

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou esta mañá no Parlamento de Galicia a calidade do calendario de inmunización ao longo de toda vida do sistema sanitario público galego, que fai que a nosa comunidade conte co programa de vacinación, universal e gratuíto, máis completo do mundo.

Durante a súa intervención en resposta a unha pregunta parlamentaria, o titular de Sanidade lembrou as últimas novidades que incorporou a Xunta, tanto no calendario vacinal para adultos, como é o caso da nova vacina 20-valente para facer fronte ao pneumococo ou a do herpes zóster; como no calendario de vacinación infantil, coas vacinas da meninxite B, o rotavirus, o virus do papiloma humano, a gripe ou a inmunización contra o virus respiratorio sincitial (VRS), cuxa efectividade acada o 82%.

Segundo explicou Caamaño, para implementar estas ampliacións no programa galego de vacinación, a Xunta duplicou desde o ano 2020 o investimento destinado a protexer a saúde da poboación, consignando na actualidade unha partida económica que se achega aos 40 millóns de euros.

Galicia, pioneira na vacinación do VRS

O conselleiro de Sanidade incidiu en que o calendario de inmunización do sistema sanitario público galego debe ser motivo de orgullo para o conxunto da poboación pois, neste ámbito, Galicia é xa un referente “non só a escala estatal, senón tamén a nivel internacional”.

A sanidade pública galega situouse á vangarda mundial no eido da vacinación, ao ser pioneira na incorporación do anticorpo monoclonal que combate ao virus respiratorio sincitial, unha inmunización que conseguiu reducir nun 90% o número de ingresos esperados.

Nesta liña, salientou que o programa de vacinación galego constitúe unha das liñas de traballo de máis longa na historia da Dirección Xeral de Saúde Pública, existindo un amplo consenso sobre a súa efectividade e seguridade.

“Somos conscientes de que a mellor cura é a anticipación”, subliñou Gómez Caamaño, ao tempo que avanzou que o departamento que dirixe continuará a traballar e a avaliar novas vacinas, para manter a Galicia na posición de prestixio e vangarda que ocupa na actualidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2024