A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático participou na xornada de Comunidades enerxéticas locais, organizada pola Deputación de Pontevedra

A Xunta pon en valor o papel das comunidades enerxéticas locais na creación dunha cultura da sostibilidade entre a cidadanía

Paula Uría salienta que estes proxectos colectivos converten ao consumidor en produtor, co que se incrementa a súa implicación na xestión da enerxía e, ao mesmo tempo, fomentan o aproveitamento de recursos locais

Barro (Pontevedra), 29 de maio de 2024

A Xunta de Galicia puxo en valor o papel das comunidades enerxéticas locais na creación dunha cultura da sostibilidade entre a cidadanía ao promover unha maior concienciación ambiental.

Nesa liña, a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, salientou hoxe, durante a súa intervención na xornada de Comunidades enerxéticas locais, organizada pola Deputación de Pontevedra, que estes proxectos colectivos “converten ao consumidor en produtor”, co que se incrementa a súa implicación na xestión da enerxía e, ao mesmo tempo, fomentan o aproveitamento de recursos locais.

De feito, segundo explicou Uría, as comunidades enerxéticas locais son fundamentais para levar a cabo a transición enerxética cara a un modelo máis sostible, resiliente e equitativo xa que, ademais de fomentar a produción de enerxía a pequena escala e aportar beneficios económicos locais, contribúen á redución das emisións, que é clave na loita contra o cambio climático.

A maiores, Uría incidiu en que estas experiencias poden servir como “laboratorios de innovación” para o desenvolvemento de proxectos a maior escala, que amplíen as posibles fontes de financiamento para este tipo de iniciativas sostibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2024