O conselleiro de Mar visitou a peixería que o grupo Armadores del Norte ten en Vilalba

Alfonso Villares pide ao Goberno central que rectifique e abandone a negativa de rebaixar o IVE aos produtos do mar

O titular de Mar volve alzar a voz en apoio á cadea produtiva, pois a decisión unilateral do Executivo central prexudica notablemente ao sector marítimo-pesqueiro e ás súas industrias transformadoras

Destaca que diminuír ou eliminar este imposto revertiría tanto no aumento do consumo, ao ser considerado como alimento de primeira necesidade, como na xeración de emprego

Vilalba (Lugo), 29 de maio de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, pide ao Goberno central que rectifique e abandone a negativa de non rebaixar o IVE aos produtos do mar. Así o trasladou aos dirixentes do grupo de peixerías Armadores del Norte, en Vilalba, pois, esta decisión unilateral do Executivo estatal, prexudica notablemente ao sector marítimo-pesqueiro e ás súas industrias transformadoras.

Deste xeito, o titular de Mar volve alzar a voz para que o ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación atenda a demanda do sector que revertería nun aumento do consumo, ao ser considerado alimento de primeira necesidade, tanto pola súa fundamental aportación á saúde como polo impacto positivo que tería na cesta da compra.

Alfonso Villares reiterou, de novo, o seu compromiso de seguir apoiando á cadea mar-industria galega, insistindo nas campañas de promoción para, conxuntamente co sector, conseguir que se consuman máis peixes e mariscos. E é que a exclusión destes alimentos provoca que se reduza o seu consumo, como evidencian xa varios estudos presentados da man das universidades galegas, e que se resintan os produtores, que configuran un piar básico para a economía española.

A redución ou eliminación deste imposto aumentaría, por tanto, a adquisición dos produtos do mar e cos conseguintes beneficios para a saúde dos consumidores e económicos para o sector, como así o avalan os informes da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia ou do Eumofa, o Observatorio Europeo do Mercado dos Produtos da Pesca e da Acuicultura, e  análise propia, elaborada por algúns dos maiores expertos en economía pesqueira da comunidade autónoma, que certifica que tomar esta decisión redundaría na creación de emprego e da riqueza. Precisamente, este estudo simula que un descenso do tipo de IVE do 10% ao 5%, se traduciría nun incremento total do valor engadido de 28,5 millóns de euros e a creación de ata 5.575 empregos. É dicir, os beneficios da baixada deste imposto son moi superiores ao custo que terá na recadación final.

Do barco á mesa

Los Armadores del Norte é un grupo de peixerías fundado por armadores tradicionais do Cantábrico que teñen por obxectivo mellorar o produto a través das súas mans, traballo e un sabor a sal na boca. En 2022 abren a primeira, en Vilalba, desde onde comparten este produto cos consumidores de forma que o pescado e o marisco vaia directamente do produtor ao consumidor.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 29/05/2024