A Xunta realiza labores de conservación e mellora no río Tomeza, ao seu paso polo concello de Pontevedra

As tarefas céntranse nun treito de preto de 600 metros e inclúen a roza puntual e selectiva de arbustos e a retirada de árbores e biomasa na canle para evitar atoamentos

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2024

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento no río Tomeza, ao seu paso polo concello de Pontevedra. Os traballos desenvolveranse en preto de 600 metros da canle fluvial, nas parroquias de San Pedro de Tomeza e San Martiño de Salcedo.  

As tarefas consisten na retirada de árbores e biomasa presente no leito do río para evitar atoamentos, así como en labores de roza selectiva de arbustos, co fin de reducir a súa competencia coas especies arbóreas propias do bosque de ribeira.

As actuacións, que xa foron comunicadas ao Concello de Pontevedra, prolongaranse durante aproximadamente dúas semanas e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoiras co apoio doutra maquinaria de maiores dimensións como tractores e un camión.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo de conca autonómico, este tramo do río Tomeza quedará despexado dos obstáculos que dificultaban a circulación fluída das súas augas. 

Augas de Galicia desenvolve este tipo de accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección. 

O obxectivo é avanzar na mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2024