A Xunta destaca a resposta rápida e urxente ao peche de Peinador cun transporte público por estrada alternativo ata o aeroporto de Santiago con 500 prazas diarias e 5 autobuses por sentido

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, lembrou hoxe no Pleno do Parlamento que o Goberno galego activou esta medida inmediata para garantir o servizo os viaxeiros afectados polo peche do aeródromo vigués durante as obras e ante a falta de opcións por parte de Aena

Destacou que a resposta demostra o dinamismo do Plan de Transporte Público de Galicia

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta ofreceu unha solución “inmediata, rápida e urxente” adaptada ás demandas das persoas viaxeiras afectadas polas obras na pista de aterraxe na terminal viguesa para o seu traslado ao aeroporto de Santiago.

Así, incidiu en que pese a tratarse dunha competencia de Aena, e ante a falta de opcións por parte desta empresa pública estatal, a Xunta activou o pasado 8 de maio o servizo con tres autobuses por sentido entre a estación intermodal de Vigo e o aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, que a semana pasada se elevaron ata cinco de acordo coas necesidades das persoas usuarias.

Polo tanto, actualmente, tal e como explicou o conselleiro de Presidencia,  as persoas que realizan este itinerario teñen á súa disposición 500 prazas diarias en 5 autobuses por sentido. Trátase ademais dunha oferta ampla de prazas e horarios cunha franxa que abarca desde as 04,30 e as 19,30 horas desde Vigo e entre as 08,55 e as 22,00 horas desde a terminal compostelá. A información relativa aos servizos esta dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Diego Calvo lembrou que, malia que xa as obras estaban planificadas desde hai meses e, polo tanto, era previsible a paralización da actividade da terminal durante polo menos un mes, o Executivo central non buscou unha alternativa de mobilidade por tren para a conexión dos viaxeiros coa cidade de Vigo. Sinalou que se calcula que mentres duran os traballos os voos afectados serían uns 600 con entre 60.000 e 100.000 pasaxeiros.

Na súa intervención, o conselleiro resaltou que a Xunta neste asunto estivo “á altura das circunstancias”, pese a non ser unha competencia do Goberno galego, e acreditou a súa vontade de facer do seu transporte público a principal alternativa de mobilidade da cidadanía galega. En concreto, demostrouse -engadiu- “a capacidade de adaptación e de artellar solucións do servizo de autobús interurbano da Xunta”, neste caso para ofrecer un bo servizo público aos cidadáns, ao facilitar o traslado ao aeroporto de Santiago os viaxeiros prexudicados polas obras de terminal viguesa.

Diego Calvo respondeu a outra pregunta sobre a solicitude da Comisión Mixta de Transferencias por parte da Xunta e lembrou que o Goberno galego a reclamou para abordar o traspaso efectivo de funcións e servizos en materia de ordenación e xestión do litoral.

Cómpre lembrar que o Tribunal Constitucional desestimou a maioría das impugnacións incluídas no recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno central, o que referenda o traballo levado  a cabo polo Goberno galego e ratifica as competencias da comunidade para xestionar o litoral.

Tamén sinalou que o Goberno galego leva reclamando desde 2009 a transferencia da
AP-9 a Galicia, unha solicitude amparada precisamente polo Parlamento de Galicia, e incide na titularidade da autoestrada e que veña acompañada tanto dos recursos necesarios para a súa correcta explotación como dos investimentos precisos para levar a cabo as obras pendentes.  

Ademais, no Pleno de hoxe Diego Calvo abordou outra cuestión relacionada co índice de criminalidade na comunidade e defendeu que Galicia é “un destino seguro” e que a Xunta traballa para que a cidadanía galega “estea e se sinta segura”. Nesta liña, instou ao Goberno central a cubrir as prazas das distintas forzas e corpos de seguridade que traballan na comunidade. No caso concreto da Policía Autonómica, lembrou que o último concurso convocado polo Ministerio do Interior é de 2013 e actualmente, pese ao incremento continuo de competencias, o cadro de persoal desta unidade atópase case ao 70% con 349 efectivos cando segundo o catálogo de persoal lle corresponderían 500 a Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2024