O secretario xeral da Lingua participa na presentación dunha nova edición da campaña ‘Toponomízate. Falámosche dos nomes da túa terra’

A Xunta e a Real Academia Galega ofrecerán charlas didácticas para favorecer o uso de ‘Galicia Nomeada’

A aplicación comezou a funcionar no ano 2019 para recoller nomes de lugares, leiras, montes ou regos que corren risco de perderse

Desde a súa posta en marcha, a iniciativa conta con máis de 35.000 usuarios e máis de 76.000 topónimos rexistrados

Valentín García refírese á toponimia como “unha das grandes riquezas do idioma galego” e pon en valor o traballo da Xunta pola súa recuperación

A Coruña, 29 de maio de 2024

O secretario da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación de Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, a campaña da Xunta de Galicia e a Real Academia Galega para divulgar a importancia de salvagardar o patrimonio inmaterial que atesoura a toponimia galega. Trátase dunha iniciativa que inclúe a aplicación Galicia Nomeada, na que os colaboradores poden achegar nomes de lugares, montes, leiras, fontes, camiños, regos, devesas e outros microtopónimos dos que teñan constancia.

No acto, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, referiuse a toponimia como “unha das grandes riquezas” da lingua galega e puxo en valor o traballo do Goberno galego pola súa recuperación. Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou que este proxecto é un “referente” na colaboración entre as administracións públicas e a cidadanía para salvagardar o patrimonio inmaterial toponímico.

Por outro lado, Valentín García sinalou o importante labor feito a través da plataforma Galicia Nomeada, que cualificou de “moi innovadora” e cuxa posta en marcha “valeu de modelo para outras Comunidades”. Así, tal e como explicou, desde a súa posta en marcha, a ferramenta conta xa con máis de 3.500 usuarios rexistrados e recibiu información de máis de 76.000 nomes de lugares, leiras, montes, penedos ou cortiñas de máis de 300 concellos.

No acto celebrado hoxe na Coruña, tamén participaron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o filólogo Vicente Feijoo, quen tamén se encarga de impartir as charlas nos concellos.

Nesta edición, a campaña Toponimízate efectuará 12 charlas que comezarán o vindeiro mes de xuño e prolongaranse ata novembro, para que a veciñanza aprenda a empregar a aplicación Galicia Nomeada. Os concellos seleccionados nesta ocasión foron Camariñas, Tordoia, Boiro, Abadín, Antas de Ulla, Láncara, Cualedro, Vilar de Santos, A Arnoia, Salceda de Caselas, Barro e A Illa de Arousa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2024