O presidente do Goberno galego respondeu as preguntas dos grupos parlamentarios no Pleno do Parlamento de Galicia

Rueda anuncia un manifesto conxunto entre Galicia e o Norte de Portugal para defender a conexión ferroviaria de alta velocidade

Celebra que Galicia e o Goberno luso estean totalmente aliñados na prioridade destas infraestruturas

Declara o seu interese de que todos os grupos parlamentarios galegos defendan este proxecto

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego vai facer un manifesto conxunto entre a rexión do Norte de Portugal e Galicia para defender a conexión ferroviaria de alta velocidade entre os dous territorios: “Imos presentar en pouco tempo un manifesto conxunto, xunto coa Comunidade de Traballo do Norte de Portugal, en defensa de que o Norte de Portugal e Galicia teñan un ferrocarril, un transporte do século XXI”, declarou.

Neste sentido, celebrou que neste asunto Galicia e Portugal estean completamente aliñados nos seus intereses, xa que no Goberno luso ven esta conexión como algo prioritario: “O outro día estiven co ministro portugués de Infraestruturas e deixou clarísima a posición de Portugal, moi beneficiosa para Galicia, de facer o AVE que estrutura Portugal e conecta con Galicia no ano 2032 como moi tarde”, salientou.

Rueda declarou o seu interese de que todas os grupos parlamentarios galegos defendesen este proxecto, xa que considera que ten un interese moi grande para todos os galegos, e así demostrarase os beneficios que ten pertencer á comunidade europea: “Os cidadáns verán de verdade todas as oportunidades que podemos aproveitar a día de hoxe en Europa”, rematou o presidente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2024