O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude responde no Pazo do Hórreo a unha interpelación

López Campos garante no Parlamento o compromiso da Xunta co fortalecemento dos vínculos lusófonos

Anuncia un convenio co Instituto Camões para poder acreditar o nivel de coñecemento de portugués nos centros educativos de Galicia

Adianta que en vindeiras datas porase en marcha o Observatorio Galego da Lusofonía, cuxa creación foi xa aprobada polo Consello da Xunta 

Defende que, ao longo dos dez anos de vixencia da coñecida como Lei Paz Andrade, se teñen producido “avances históricos” de aproveitamento das oportunidades que brindan os vencellos das linguas galega e o portuguesa

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, garantiu hoxe no Parlamento de Galicia que o Goberno galego continuará desenvolvendo e fortalecendo os vínculos coa lusofonía. Fíxoo en resposta a unha interpelación no Pleno do Parlamento de Galicia, onde destacou o traballo que se está levando a cabo no seu departamento para “espremer ao máximo as oportunidades” que brindan o galego e o portugués. 

Neste senso, o representante autonómico de Cultura deu conta da “multitude de iniciativas” con “enorme resultado de éxito” que ten desenvolvido a Xunta para o impulso destes vencellos, a través coñecida popularmente como Lei Paz Andrade, aprobada por unanimidade con este fin no Parlamento de Galicia en 2014. 

Precisamente no marco desta Lei, o conselleiro anunciou como actuación novidosa que a Xunta asinará proximamente un convenio co Instituto Camões para poder acreditar o nivel de coñecemento de portugués nos centros educativos de Galicia. Sobre isto, López Campos aclarou que, ata o momento, xa se teñen feito algunhas probas piloto por medio do programa Camões Junior en institutos de Educación secundaria, como o Alonso Ríos (Tomiño), o de Milladoiro (Ames); ou o San Clemente (Santiago de Compostela).

O Observatorio Galego da Lusofonía, en vindeiras datas

Ademais, o responsable da Xunta de Lingua, Cultura e Xuventude tamén adiantou que en vindeiras datas porase en marcha o Observatorio Galego da Lusofonía, cuxo decreto de creación xa se aprobou no Consello da Xunta. Este órgano, tal e como explicou, terá capacidade de asesoramento ao Goberno, de formular plans de acción e de programar actividades de coñecemento, intercambio e programación neste eido.

López Campos cualificou de “moi boa nova” a posta en marcha deste Observatorio para seguir traballando en prol dunha lingua e dunha cultura máis amplas co obxecto de “analizar o traballo feito e debuxar un futuro prometedor”.

Iniciativas innovadoras ao longo desta última década

Na súa intervención, o conselleiro sumou estas dúas novas iniciativas ás “innovadoras” que ao longo desta década o Goberno galego ten desenvolvido e que, segundo asegurou, teñen acadado “unha importante evolución” na percepción que a sociedade galega ten do portugués.

Neste senso, atribuíu a estas iniciativas os “avances históricos” que se están a acadar respecto ao aproveitamento dos vínculos coa lusofonía. En concreto, referiuse á inclusión de España como Estado observador asociado da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa ou á celebración en Santiago de Compostela do Congreso Internacional sobre Procesamento Computacional do Portugués (PROPOR) 2024, o máis importante do mundo en procesamento da lingua portuguesa e Intelixencia Artificial, e que saíu dun país lusófono por primeira vez na historia.

Outros fitos acadados no marco deste compromiso, tal e como citou, son a posibilidade de estudar portugués en todos aqueles centros nos que exista demanda e que actualmente xa fan máis de 5.000 alumnos, ou o apoio ao proxecto Ponte...nas Ondas! no seu recoñecemento pola Unesco como Patrimonio Cultural Inmaterial. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2024