A Xunta publica hoxe no DOG a aprobación do proxecto de trazado para a mellora da seguridade viaria na intersección da estrada autonómica PO-255 en Covelo

A actuación conta cun investimento de preto de 220.000 € e permitirá darlle máis visibilidade aos vehículos nos xiros á esquerda

Trátase de executar as obras necesarias para actuar no cruce en "T" entre esta vía autonómica e a estrada provincial EP-5104

A Xunta prevé convocar as expropiacións no segundo semestre deste ano, co obxectivo de licitar e executar as obras no 2025

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de trazado para a mellora da seguridade viaria na intersección do quilométrico 31+540 da estrada PO-255, no concello de Covelo, que suporá un investimento de case 220.000€.

Trátase de actuar na intersección en "T" entre esta vía autonómica e a estrada provincial EP-5104, co obxectivo de dar maior visibilidade aos vehículos nos xiros á esquerda, reforzando a seguridade viaria.

O DOG publica o acordo do Consello da Xunta polo que se aprobaron o trámite de información pública e o proxecto definitivo de trazado para este itinerario. Esta información pode ampliarse a partir deste enlace ao DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240529/AnuncioG0181-220524-0002_gl.html

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas realizará a convocatoria dos actos expropiatorios no 2º semestre de 2024, para licitar e executar as obras no vindeiro ano. A actuación ten un prazo de execución da 4 meses.

En concreto, entre as actuación deseñadas polo departamento de Infraestruturas da Xunta para a mellora da intersección entre a vía autonómica e a provincial está a ampliación da plataforma da PO-255 nesta contorna.

No punto quilométrico 0+050 da PO-255 prevese habilitar unha “bágoa” que permita o cambio de sentido aos vehículos que veñen de ambas as estradas en sentido decrecente.

Na intervención proxectada inclúese, ademais, a execución dun carril de espera entre os puntos quilométricos 0+080 e 0+095, que dá acceso a un ramal directo de nova execución cara á EP-5104. No espazo morto executarase un illote.

O único movemento non contemplado no proxecto de trazado, tampouco permitido na actualidade, é o cambio de sentido na PO-255, en sentido de avance.

Nesta intervención tamén se inclúe o reforzo do firme dun treito da PO-255.

O departamento que dirixe María Martínez Allegue continúa mellorando a rede viaria autonómica para reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios, así como para impulsar unha mobilidade máis sostible.

Data de actualización: 29/05/2024