A Xunta amplía a dotación do Fondo de Compensación Ambiental para beneficiar un maior número de concellos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a ampliación orzamentaria da liña competitiva, aberta a todas as administracións locais, que pasa de 1,7 a 3,2 millóns de euros

O obxectivo das axudas é apoiar accións a prol da biodiversidade, do coñecemento dos recursos naturais, da recuperación da contorna e da eficiencia enerxética

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a ampliación da dotación orzamentaria da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA), destinado a apoiar as administracións locais na mellora do medio natural. A contía increméntase de 1,7 a 3,2 millóns de euros co obxectivo de beneficiar un maior número de concellos.

A liña en concorrencia competitiva está aberta a todos os concellos, mancomunidades ou consorcios locais de Galicia, sempre que estean participados por un ou varios concellos. O prazo de presentación das solicitudes finalizou en febreiro e na actualidade estase no proceso de valoración das 223 propostas recibidas.

O FCA foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial. As accións subvencionables inclúen os investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio.

Entre os obxectivos que deben perseguir figuran a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio natural.

Poden acollerse ás axudas as campañas divulgativas, plans e proxectos ambientais, as accións de eficiencia enerxética e de redución da contaminación lumínica, as melloras enerxéticas nas instalacións municipais, e a adquisición de vehículos con distintivo ambiental ou destinados a actuacións a prol da contorna natural. As infraestruturas destinadas á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, as actuacións a prol da integración paisaxística nos núcleos rurais e os proxectos para evitar a degradación e facilitar o control ambiental no ámbito municipal son outras das iniciativas subvencionables ao abeiro desta convocatoria. A maiores, cóbrense os gastos do persoal vinculado á execución destas accións.

Orzamento global superior aos 12M€

O Fondo de Compensación Ambiental inclúe tamén a liña en concorrencia non competitiva, dotada con 6 millóns de euros e dirixida aos concellos nos que haxa parques eólicos. A ambas as liñas súmanse tamén 3,5 millóns de euros destinados a actuacións específicas de protección do medio, entre as que figuran a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou de risco. Deste xeito, o orzamento global do FCA para este ano supera os 12 millóns de euros.

Data de actualización: 29/05/2024