Román Rodríguez destaca a aposta da Xunta polos campus periféricos, exemplificado no crecemento do de Lugo en titulacións e alumnos

As políticas de impulso do Goberno galego ao Campus Terra conseguiron reverter a caída de alumnado, que agora se incrementa en arredor de 100 alumnos ao ano

A Consellería de Educación inviste preto de 13 M€ para consolidar o campus lucense como motor de desenvolvemento económico e social para toda a provincia

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe no Parlamento a aposta da Xunta de Galicia polos campus periféricos, a través de iniciativas como a especialización para aproveitar as potencialidades e singularidades de cada un deles. Puxo como exemplo o crecemento do Campus Terra de Lugo, o segundo en acadar esta acreditación de especialización, que é hoxe un motor de desenvolvemento social e económico para toda a provincia.

O titular do departamento educativo da Xunta puxo en valor a posta en marcha de novas titulacións no Campus Terra “como os graos de Bioquímica, Empresa e Tecnoloxía, Robótica e Xestión cultural ou o máster en Xenómica e Xenética, que son polos de captación de alumnado”. Grazas a esta política de impulso conseguiuse “cambiar a dinámica da matrícula” que pasou de estar en negativo a gañar alumnado “cunha media de 100 novos estudantes cada ano”, afirmou.

O Goberno galego inviste, non en balde, preto de 13M€ para que o campus lucense siga sendo un referente científico e social nos ámbitos do coñecemento vinculados á sustentabilidade económica, social e medio ambiental dos recursos da terra.

No referido ao número mínimo de alumnos por titulación, o conselleiro indicou que permite ofrecer propostas atractivas para o alumnado e a mellora constante do sistema, ademais de ser un criterio acordado coas tres universidades. “Os cambios realizados no Campus Terra ata agora foron moi positivos e permitiron crear novas titulacións que fixeron medrar o alumnado”, rematou. E avanzou que nos próximos meses cómpre analizar coas universidades cales son as decisións que toman sobre a oferta global dos seus campus para continuar nesta senda.

Data de actualización: 28/05/2024