O conselleiro do Mar participa na presentación do I Executive Program in Seafood Management

Alfonso Villares enxalza o novo programa da universidade intercontinental da empresa que sitúa a Galicia á vangarda na formación en xestión pesqueira

O responsable autonómico destaca a importancia de manter un equilibrio entre as capacidades de pesca existentes e os recursos pesqueiros dispoñibles para garantir a conservación dos recursos e a necesaria soberanía alimentaria

Tamén sinalou á UIE como aliada do sector contribuíndo co desenvolvemento de estratexias e competencias formativas adaptativas que faciliten a remuda xeracional e ao reforzo do liderado da nosa comunidade no ámbito da pesca

O programa xurde da demanda dun dos sectores máis importantes de Galicia e está deseñado coa innovación, a sustentabilidade e a perspectiva global como eixos centrais pensando nunha industria esencial na produción sostible dos alimentos

Vigo, 28 de maio de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, enxalzou o novo programa Executive Program in Seafood Management posto en marcha pola Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), que sitúa a Galicia á vangarda na formación en xestión pesqueira. Así o manifestou na presentación desta iniciativa formativa pioneira onde tamén puxo en valor o papel estratéxico do sector na estrutura económica da comunidade polo seu peso económico e a súa dimensión social.

Nesta liña puxo cifras para ilustrar a importancia da cadea mar-industria que representa ao redor do 5% do PIB galego, xera 40.000 empregos directos e un valor agregado bruto (VAB) do 5,5%, unha porcentaxe 25 veces superior ao da pesca na Unión Europea e máis de 6 veces superior ao do conxunto de España. Engadiu que é a actividade que rexistra maior índice de produtividade por traballador e o seu carácter exportador, ocupando o cuarto lugar na economía galega.

O responsable autonómico destacou a importancia de manter un equilibrio entre as capacidades de pesca existentes e os recursos pesqueiros dispoñibles para, por un lado, garantir a súa conservación, e por outro, asegurar a necesaria soberanía alimentaria. Un enfoque no que situou ao UIE como aliado poñendo en marcha este novo programa de formación especializada no manexo dos produtos do mar na produción sostible e que contará con prestixiosos expertos da industria.

Alfonso Villares eloxiou a contribución desta universidade ao desenvolvemento de estratexias e competencias formativas adaptativas dirixidas a garantir un modelo de produción de alimentos de calidade resiliente e sostible. Deste modo tamén se potencia a necesaria remuda xeracional á vez que se reforza o noso tecido produtivo, a súa competitividade e o seu liderado a nivel europeo.

Innovación e sustentabilidade

O I Executive Program in Seafood Management xurde como resposta á demanda do propio sector e está deseñado tomando como eixos centrais a innovación, a sustentabilidade e a perspectiva global propia dunha actividade que se desenvolve en caladoiros espallados polos cinco continentes. Este programa académico de última xeración afonda na realidade do mar actual para abordar os problemas presentes e futuros aos que se enfronta a industria pesqueira.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 28/05/2024