A delegada territorial de Ferrol visitou a unha das alumnas beneficiarias do programa Retorna Talento FP que cursa as súas prácticas na empresa Adera, nas Pontes

Martina Aneiros lembra que ata o 12 xuño está aberto o prazo para que galegos do exterior cursen Formación Profesional en Galicia o próximo curso

Este programa permite que galegos residentes no estranxeiro, tanto emigrantes como descendentes destes, cursen formación profesional en Galicia e se incorporen ao noso mercado laboral

En Ferrol, esta formación impártese no CIFP Ferrolterra que para o próximo curso oferta 28 prazas, 12 no ciclo Deseño e amoblamento na modalidade de FP Dual a distancia e outras 16 no ciclo de FP básica de Fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios

As Pontes (A Coruña), 28 de maio de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a empresa de proxectos fabricados en madeira, Adera, nas Pontes, onde desde o pasado mes de abril completa a súa formación práctica, Paola Valentina Toussaint, unha das cinco alumnas que este ano cursan o ciclo superior de Deseño e amoblamento no CIFP Ferrolterra, no marco do programa Retorna Talento FP da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.

Acompañada do Administración único de Adera e conselleiro delegado do Grupo do Grupo Servicio Móvil, José Luis Castro, do alcalde das Pontes, Valentín González Formoso e do director do CIFP Ferrolterra, Enrique Pazo, Martina Aneiros tivo a ocasión de coñecer o grao de satisfacción da alumna co programa, así como a súa experiencia no marco desta iniciativa que permite que galegos residentes no estranxeiro -tanto emigrantes como descendentes destes- cursen formación profesional en Galicia e se incorporen ao noso mercado laboral.

“Esta acción está enmarcada na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 e con ela o Goberno galego pretende que a sociedade se enriqueza dos coñecementos e experiencias profesionais internacionais que poidan achegar persoas como Paola Valentina Toussaint, que naceron e residiron no estranxeiro e que agora retornan a Galicia”, explicou a delegada territorial.

A representante da Xunta lembrou que está aberto ata o próximo 12 de xuño o prazo para adherirse á nova convocatoria do programa Retorna Talento FP que o próximo ano oferta 12 prazas no ciclo superior de Deseño e amoblamento (FP Dual a distancia) e outras 16 no de Fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios (FP básica), ambos impartidos no CIFP Ferrolterra, único centro da zona adscrito a esta convocatoria.

FP Dual a distancia

Na modalidade de FP Dual a distancia, os seleccionados poderán iniciar a súa formación académica no país de orixe e completala coa parte práctica en empresas en Galicia, en función da estrutura dos dous cursos que compoñen cada ciclo.

Así pois, durante o primeiro curso, os estudantes realizarán a primeira parte a distancia desde o país de orixe e unha segunda parte presencial nas empresas seleccionadas a través de convenios con firmas referentes das contornas dos centros e dos sectores correspondentes. 

No segundo curso académico, haberá unha primeira parte en modalidade semipresencial no centro de formación e unha segunda parte presencial na empresa. Recibirán unha bolsa de 10.800 euros cada un para afrontar os gastos asociados como a viaxe desde o seu país de procedencia, aloxamento e manutención en Galicia e subscrición dun seguro médico, de ser o caso.

No caso da modalidade de Programas específicos de Formación Profesional, a bolsa ascende a 6.500 euros por alumno.

A delegada territorial destacou que como novidade fronte ás convocatorias anteriores, amplíase a idade límite das persoas solicitantes, pasando dos 40 aos 45 anos, “favorecendo así que un maior número de persoas galegas que queiran retornar a Galicia poidan facelo acadando unha formación profesional recoñecida que posibilite a súa incorporación ao mercado laboral”, dixo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/05/2024