Medio Rural reforza a súa colaboración coa asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia a prol do fomento destas razas

A conselleira do Medio Rural reuniuse con responsables deste colectivo

Na xuntanza, na que tamén participou o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, avaliouse ademais o servizo de matadoiro móbil, que foi precisamente solicitado por esta asociación, entre outros axentes do sector

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse con responsables da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica). A xuntanza serviu para ampliar e reforzar a colaboración en materia de ordenación e fomento destas razas.

Ademais, a titular da Consellería puxo en valor o servizo do matadoiro móbil, concibido especialmente para facilitar o sacrificio naquelas explotacións de ovino, cabrún e porcino localizadas en zonas de montaña e, en xeral, nas situadas lonxe dos matadoiros convencionais. A posta en marcha deste servizo respondeu, precisamente, a unha demanda do sector interesado e en particular de Ovica.

Neste sentido, a conselleira destacou que o matadoiro contribúe a mellorar a rendibilidade das explotacións, mediante a redución dos seus custos, ao tempo que melloran tamén as condicións de benestar animal. Por iso, este servizo está sendo moi ben valorado polos usuarios, que destacan por unha banda a enorme facilidade para solicitar e recibir a prestación, a carón da propia explotación, e por outra parte o gran aforro en custos de desprazamento, a mellora no benestar dos animais e a gran calidade das canais obtidas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/05/2024