Xosé Merelles salienta a aposta da Xunta de Galicia polos grandes festivais como ‘O Son do Camiño’ polo seu crecente impacto turístico

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participa na presentación da quinta edición que arrancará o xoves en Santiago de Compostela e se celebra ata o sábado

Recorda que o Goberno autonómico, principal patrocinador institucional da cita, leva confiando neste festival desde os inicios e refírese aos máis de 8 M€ que a Xunta destina a estas citas polo seu efecto tractor no sector

Santiago de Compostela (A Coruña), 28 de maio de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na rolda de prensa de presentación do festival O Son do Camiño, xunto cos representantes das empresas promotoras Kin Martínez e Iván Mendez e Ramón de Meer, marketing manager de Estrella Galicia, onde salientou a aposta constata da Xunta de Galicia pola industria musicai e os grandes festivais polo seu crecente impacto turístico.

Xosé Merelles salientou a “alianza estratéxica” que teñen en Galicia o sector musical e o turismo, exemplificado en O Son do Camiño do que resaltou a “capacidade de evolución e de crecemento” deste “pioneiro festival”, que, como recordou, a Xunta de Galicia leva apoiando desde os seus inicios “e é xa un festival consolidado”. “Forma parte da nosa aposta por contar cunha oferta capaz de demostrar a capacidade económica do turismo”, destacou. Neste sentido, salientou o papel de O Son do Camiño para que “Galicia se estea consolidando como sede de grandes espectáculos e repercute directamente en hoteis, restaurantes, pero tamén en transporte e distintos servizos”.

O director de Turismo de Galicia referiuse ao crecemento do impacto turístico que está a ter a industria musical na Comunidade galega, citando para iso os resultados feitos públicos este ano por un estudo impulsando pola Asociación Galega de Empresas Musicais e a Universidade de Santiago (USC) co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través de Agadic na que a cifra do impacto global é de máis de 227M€ e 3.250 empregos.

Impacto no sector

“Mención especial merece o efecto tractor que festivais como este e os que se foron sucedendo nos últimos anos en Galicia dentro da industria musical están a ter sobre o turismo. A asistencia a estes eventos impulsa unha demanda relevante en distintos servizos de aloxamento, transporte... un consumo adicional que xera un incremento da produción de máis de 60 M€, como se indica no informe”, engadiu. Xosé Merelles salientou a aposta da Xunta por seguir apoiando os festivais e espectáculos musicais e contar tamén coa boa resposta do público. Como recordou, os concertos e festivais apoiados pola Xunta de Galicia contaron con case 2 millóns de participantes nos últimos dous anos e este ano destínanse máis de 8M€ nas grandes citas.

Valorou a calidade nacional e internacional dos artistas da edición deste ano que, unha vez máis “permitirán a difusión da imaxe de Galicia a través do Camiño de Santiago” e o interese que suscita é claro. Como recordou, un ano máis esgotáronse os abonos en só unhas horas. Contarase con artistas como Green Day, Pet Shop Boys, Thirty Seconds to Mars, Tom Odell, J Balvin, Arde Bogotá, Fernadocosta, The Interrupters, Mattn, Hot Milk, Berto, Ana Mena, Carlos Ares, entre outros, que se poden consultar en www.osondocamino.es.

Data de actualización: 28/05/2024