A Xunta financiará a posta en valor das construcións do Castro da Cividá

As obras serán posibles grazas á subvención a concellos de ata 10.000 habitantes para a mellora das infraestruturas turísticas, que deixou en Cerdedo-Cotobade 30.000 euros

O ano pasado estas mesmas axudas permitiron acondicionar o albergue de Cerdedo-Cotobade e mellorar a seguridade da vía Mariana

Estas axudas deixarán un total de 270.000 euros en nove concellos da provincia de Pontevedra

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 28 de maio de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o albergue de Cerdedo-Cotobade que foi acondicionado grazas a unha axuda da Xunta no pasado 2023. Alí aproveitou para informar das accións de posta en valor das construcións do Castro da Cividá que se levarán a cabo grazas á convocatoria deste ano da mesma axuda.

Trátase da subvención a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas na que Turismo de Galicia inviste este ano preto de dous millóns de euros en toda Galicia e que beneficiarán a un total de 66 concellos, nove deles na provincia de Pontevedra cun investimento total de preto de 270.000 euros.

O delegado territorial tivo a oportunidade de comprobar as melloras realizadas grazas á axuda de 30.000 euros recibida o pasado 2023 e que permitiu, ademais de optimizar as condicións do albergue,  mellorar a seguridade da vía Mariana, un recurso moi importante para o desenvolvemento turístico da zona, segundo confirmou o propio alcalde, Jorge Cubela.

Este ano o concello de Cerdedo-Cotobade contará cunha nova axuda de 30.000 euros coa que espera potenciar o aproveitamento turístico do Castro da Cividá. Neste sentido, Agustín Reguera mostrou a súa satisfacción con a decisión de poñer en valor un espazo que “supón un auténtico tesouro para todos os veciños e veciñas deste concello e que debe ser un reclamo para todos os visitantes”.

O delegado territorial rematou a visita destacando a necesidade de “seguir traballando da man dos concellos, apoiando iniciativas que nos permitan ter un turismo máis descentralizado e desestacionalizado, á vez que melloramos e acondicionamos espazos de referencia para a veciñanza”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/05/2024