A Xunta pon en valor o papel das oficinas de asistencia ás vítimas na formación sobre o tratamento informativo de casos con vítimas vulnerables

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participaron hoxe nunha xornada de formación con representantes do Colexio de Xornalistas de Galicia e persoal destas oficinas co obxectivo de evitar a revitimización das persoas afectadas

A Xunta defende o dereito á información pero sempre de xeito rigoroso e obxectivo co cumprimento das normas da ética que lle dean prioridade os dereitos á intimidade, á honra, á propia imaxe, á xuventude e á infancia

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2024

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e o director de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participaron esta mañá na Xornada sobre o tratamento informativo de información relativa ás Vítimas dos delitos, con especial consideración ás vítimas de violencia de xénero e a outras vítimas especialmente vulnerables.

Trátase dunha formación solicitada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia para abordar a problemática actual derivado dun inadecuado tratamento informativo de feitos contra a liberdade e integridade sexual de persoas menores. Na xornada contouse co apoio dos sete profesionais de psicoloxía e outros sete de traballo social que prestan atención nas Oficinas de Asistencia ás Vítimas (OAV) de Galicia nas cidades galegas. Deste xeito, preténdese con esta acción dar a coñecer o traballo das OAV e trasladar a necesidade de que o tratamento e publicación da información sexa moi rigoroso e obxectivo de garantir os dereitos fundamentais das vítimas evitando a súa revitimización.

Nesta liña, na xornada advertiuse de que, por exemplo, que ofrecer datos inadecuados  relacionados con feitos contra liberdade sexual de menores non contribúe a dar información sobre o acontecido e, ademais, provoca esas segundas revitimizacións e obstaculiza e impide a reparación psicolóxica das vítimas. De feito, nas OAV da comunidade constan casos de familias que ante a publicación deste tipo de datos vense prexudicadas e mesmo con episodios de estrés ou depresión.

Por iso, a Xunta defende que sempre se vele polos dereitos das vítimas nos procedementos, sobre todo no que se refire ás vítimas menores de idade, e apela ao dereito de información pero cumprindo as normas de ética, de maneira que se lle dea prioridade aos dereitos á intimidade, á honra, á propia imaxe, á xuventude e á infancia. Así, con xornadas coma esta búscase evitar no futuro noticias que afecten á delicada situación das vítimas e das súas familias. 

Por outra parte, o director xeral de Xustiza lembrou o traballo realizado pola Xunta na consolidación do  modelo de atención asistencial a través das Oficinas de Asistencia ás Vítimas no ámbito da xustiza. Este sistema inclúe a intervención psicolóxica na que os profesionais da psicoloxía e de traballo social levan a cabo unha atención individualizada da vítima co obxectivo de posteriormente aplicar medidas de protección necesarias que minimicen os trastornos psicolóxicos e propoñer outras que garantan a protección da vítima durante todo o proceso xudicial. 

O Goberno galego mantén o compromiso para dotar ás OAV dos medios persoais precisos, ademais de reforzar a formación dos profesionais que traballan nelas. Tamén se aprobou o ano pasado o protocolo de actuación sobre o funcionamento destas oficinas coa finalidade de prestar unha asistencia integral, coordinada e especializada ás vítimas como consecuencia do delito, con especial fincapé nas vítimas de violencia de xénero e outras vítimas especialmente vulnerables como os menores de idade ou as persoas de idade avanzada.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/05/2024