O Colexio CEIP Noalla-Telleiro de Sanxenxo estreará no vindeiro curso unha aula destinada aos Polos Creativos

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, comproba o avance dos traballos da súa instalación

Sanxenxo (Pontevedra), 28 de maio de 2024

O Colexio CEIP Noalla-Telleiro de Sanxenxo estreará unha aula destinada aos Polos Creativos no curso 2024/25. Así o confirmou hoxe o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, nunha visita ao centro para coñecer os avances desta actuación.

Tras o acondicionamento deste espazo, nos próximos días instalarase o equipamento dos Polos Creativos, co obxectivo de que ao longo do mes de xuño se poñan en funcionamento e, deste xeito, se poidan empregar a pleno rendemento o vindeiro curso. “Con esta nova instalación seguimos traballando en avanzar cara un modelo de infraestruturas educativas máis innovadoras para, así, consolidar Galicia como referente a nivel estatal na incorporación de tecnoloxías no noso sistema educativo público”, sinalou o representante da Consellería de Educación.

A obra consistiu no acondicionamento do espazo, coa instalación de estantes, cambio de xanelas, renovación do piso e a eliminación de tabiques, entre outras accións. Esta actuación adáptase ás características do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para modernizar os centros dando resposta ás necesidades do século XXI.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/05/2024