O conselleiro de Cultura, José López Campos, asiste á representación do espectáculo ‘Noso’ enmarcado na primeira xornada desta feira

López Campos destaca a importancia de ‘Galicia Escena PRO’ para a dinamización das artes escénicas

O mercado organizado pola Xunta de Galicia e a asociación Escena Galega comeza hoxe cun programa de actividades ata o 30 de maio

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2024

O Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu hoxe no Teatro Principal de Santiago á representación do espectáculo Noso de Os Náufragos Teatro. Trátase dunha das actividades previstas para a primeira xornada de Galicia Escena PRO, a feira promovida pola Xunta de Galicia e a asociación Escena Galega para favorecer a contratación de espectáculos galegos por parte de espazos culturais, circuítos e mostras de dentro e fóra da nosa Comunidade.

O responsable autonómico de Cultura destacou a importancia deste tipo de citas para dinamizar as artes escénicas e establecer redes de contacto entre artistas. Neste senso, López Campos destacou a aposta do Goberno galego por esta iniciativa que supón un “gran escaparate para todos os profesionais do sector que durante catro días enche de cultura a capital de Galicia”.

A 11ª edición de Galicia Escena PRO reúne ata o 30 de maio máis de 200 profesionais da produción, distribución e programación das artes escénicas en Santiago de Compostela. Este ano, o mercado ofrece un amplo abano de actividades composto por unha vintena de espectáculos de diferentes disciplinas e formatos, tanto de compañías de ampla traxectoria como de novos nomes que se están a consolidar no actual panorama escénico galego, presentacións ‘pitching’ doutros 12 proxectos, dúas mesas redondas sobre os principais retos no eido da programación cultural, e un concerto a cargo de Sabela.

Ademais do Museo das Peregrinacións, nesta edición a Igrexa da Universidade súmase como espazo de exhibición da feira aos xa habituais Auditorio Abanca, Salón Teatro e Teatro Principal. As prazas da Quintana e de San Martiño Pinario repiten, así mesmo, como escenarios para circo e danza, e a Sala Riquela para o concerto programado como actividade paralela, que desta volta ofrecerá Sabela na noite do mércores.

A programación completa pode consultarse na web galiciaescenapro.gal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2024