A conselleira de Política Social e Igualdade destacou que Galicia é o mellor lugar do mundo para nacer, crecer e facerse maior

Fabiola García reúnese co responsable do proxecto Blue Zones e cos alcaldes das áreas que poderían sumarse ao mapa das zonas máis lonxevas do mundo

Galicia converteríase na primeira rexión española e na sexta do mundo en contar cunha Blue Zone, a distinción que outorga un comité científico internacional aos territorios con maior esperanza de vida

O fundador do proxecto, o profesor Michel Poulain, desenvolverá esta semana o traballo de campo do seu estudo en varios puntos da Comunidade

Lalín (Pontevedra), 27 de maio de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo unha reunión de traballo en Lalín co fundador do proxecto Blue Zones e profesor emérito da Universidade Católica de Louvain, Michel Poulain, o presidente da Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía, Chema Faílde, o director do Instituto Galego de Estatística (IGE), José Antonio Campo Andión, o catedrático de Medicina Preventiva Alberto Ruano, e alcaldes das comarcas de Chantada, Terra de Lemos, O Ribeiro, Terra de Celanova e Deza.

Con este encontro, a conselleira deu por iniciado o traballo de campo que o profesor Poulain desenvolverá ao longo da semana nestas zonas de Galicia para determinar se cumpren cos requisitos necesarios para seren recoñecidas como Blue Zones, os lugares coa poboación máis lonxeva do mundo. De ser así, a nosa comunidade converteríase nun dos seis territorios que forman parte deste club cos mellores estándares de calidade de vida para os maiores, xunto a Cerdeña (Italia), Ikaria (Grecia), Martinica (Francia), Nicoya (Costa Rica) e Okinawa (Japón).

Fabiola García destacou que este estudo é unha oportunidade para compartir co mundo os segredos que converten a Galicia no mellor lugar do planeta para nacer, crecer e facerse maior, e defendeu que a Xunta traballa para que a nosa comunidade continúe sendo referente na atención e nos coidados aos maiores.

Neste sentido, a conselleira destacou os programas de envellecemento activo que permiten aos galegos desfrutar da súa xubilación ao mesmo tempo que promoven a saúde física e mental. Tamén o novo modelo de coidados que impulsa o Goberno galego, con iniciativas como o Centro Interxeracional de Ourense, que fomenta a convivencia entre os máis novos e os máis maiores, e con servizos públicos de proximidade, como as casas niño e as casas do maior, o Servizo de Axuda no Fogar ou os Bonos coidado e residencia.

Fabiola García quixo, ademais, agradecer a aposta do profesor Poulain e a disposición dos alcaldes, os expertos, as entidades do sector, a Universidade de Santiago de Compostela e o resto de organismos que participan no estudo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2024