A Xunta abre mañá o prazo para inscribirse no programa de intercambio xuvenil ao Xapón

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convoca 15 prazas para a nova edición do programa Xuventude no mundo, que serán cubertas por rigorosa orde de inscrición

A mocidade participante viaxarán á Prefectura de Wakayama, cuxo camiño Kumano Kodo está irmandado co de Santiago

O Goberno galego procura facilitarlles o coñecemento doutras realidades socioculturais e lingüísticas

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2024

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude abre mañá o prazo para inscribirse no intercambio xuvenil ao Xapón do programa A Xuventude no mundo, que volve a celebrarse do 1 ao 6 de setembro. O obxectivo do Goberno galego é facilitar o coñecemento doutras realidades socioculturais e lingüísticas, así como favorecer e potenciar a adquisición de habilidades e competencias non formais.

En total, ábrense 15 prazas dirixidas a mozas e mozos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. As persoas que participan viaxarán á Prefectura de Wakayama, cuxo camiño Kumano Kodo está irmandado co de Santiago.

O intercambio cubre o aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple, o transporte no ámbito do intercambio e as actividades organizadas pola entidade de acollida. No entanto, será a cargo das persoas participantes os gastos de desprazamento ata o lugar de aloxamento do intercambio no Xapón. Non poderán ter acceso á esta edición aqueles mozos e mozas que participaran xa nas últimas tres convocatorias (2018, 2019 e 2023) realizadas ao mesmo país.

Prazo de inscrición

As mozas e mozos interesados teñen aberto o prazo desde mañá, martes, ás 10 horas, e ata o 31 de maio ou ata esgotar as prazas. A inscrición será a través de formulario electrónico que se habilitará na web da Dirección Xeral de Xuventude. A admisión será por rigorosa orde de inscrición, ata cubrir a totalidade de prazas convocadas para o intercambio.

A Xunta aposta por facilitarlle experiencias no estranxeiro á mocidade galega co fin de mellorar as súas habilidades, as súas competencias lingüísticas e os seus coñecementos sobre outros estilos de vida e culturas. Esta aprendizaxe e implicación activa serviralles para a súa vida persoal pero tamén para mellorar a súa empregabilidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2024