A Xunta inviste máis de 137.000 € na mellora das infraestruturas turísticas de 5 concellos da comarca de Santiago

A delegada territorial destacou que a área de Santiago ten todos os requisitos para lograr incrementar o peso do seu sector turístico na súa economía polo que mediante investimentos como estes a Xunta traballa para facer destes municipios un destino turístico competitivo, sustentable e diferenciado a nivel global

Boimorto (A Coruña), 27 de mayo de 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá, acompañada pola alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, as obras de sinalización e mellora levadas a cabo na ruta de fragas de Santarandel, realizadas o ano paso ao abeiro da liña de axudas destinada a concellos galegos de menos de 10.000 habitantes coas que a Xunta de Galicia busca o impulso e consolidación turística do rural galego ao tempo que promove a diversificación turística polo territorio. Estas obras contaron cunha axuda de 30.000 euros. No encontro Belén do Campo tamén informou que este Concello recibirá, este ano, outra axuda 30.000 euros para a instalación de cubrecolectores para a posta en valor do entorno de Boimil e Boimorto, o que eleva a 60.000 euros a cantidade recibida nestes dous últimos anos ao abeiro desta orde.

Durante a visita a delegada da Xunta tamén informou da resolución da orde de mellora de infraestruturas turísticas deste ano na comarca de Santiago. En total, nesta área foron beneficiarios os concellos de Santiso, Touro, Padrón, Boimorto e Arzúa por un importe total de máis de 137.000 euros.  Cun investimento de 2M€ para toda Galicia, subvencionaranse actuacións que se centren na recuperación, accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos coa posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

En concreto, sufragaranse actuacións de embelecemento dos accesos aos recursos turísticos que poderán incluír a recuperación e tratamento paisaxístico da contorna dos recursos, iluminación ornamental, xa sexa primeira instalación ou mellora, ampliación ou substitución da existente, tamén a recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, rutas de sendeirismo e outros elementos de interese turístico e adecuacións de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes.

As axudas tamén inclúen o embelecemento dos recursos turísticos e dos bens declarados de interese cultural ou cun procedemento de declaración xa iniciado, así como as que afecten á contorna de protección (embelecemento de vías, ocultamento de colectores de residuos que se atopen no propio recurso turístico ou BIC, así como eliminación de cableado aéreo e antenas de comunicacións).

Accesibilidade turística

Ademais, as actuacións de posta en valor turístico dos recursos que poderán incluír as seguintes: rehabilitación ou restauración para a súa dedicación a usos turísticos distintos do aloxamento de persoas, recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional.

Do mesmo xeito, estas axudas sufragarán tamén as actuacións que leven a cabo os concellos para mellorar a accesibilidade dos seus recursos turísticos como a eliminación de barreiras arquitectónicas no acceso aos bens, recursos e rutas turísticas ou as destinadas a facilitar o acceso das persoas con algún tipo de discapacidade sensorial á información turística dos recursos. Tamén se apoia a sinalización dos recursos.

A delegada territorial destacou que “a comarca de Santiago ten todos os requisitos para lograr incrementar o peso do  seu sector turístico na súa economía e na súa sociedade, polo que mediante investimentos e subvencións como estas a Xunta de Galicia traballa para facer desta comarca un destino turístico competitivo, sustentable e diferenciado a nivel global”.

 

CONCELLO

OBXECTO SUBVENCIÓN

AXUDA CONCEDIDA
(MÁXIMO 30.000)

SANTISO

MELLORA DO CAMIÑO DE ACCESO Á ÁREA RECREATIVA PR-226 DE BERGONDO

30.000,00 €

TOURO

ACONDICIONAMENTO DE PUNTO DE ATENCIÓN TURÍSTICA

30.000,00 €

PADRÓN

RUTA DAS PESQUEIRAS DE PADRÓN

30.000,00 €

BOIMORTO

INSTALACIÓN DE CUBRECOLECTORES PARA POSTA EN VALOR DO ENTORNO DE BOIMIL E BOIMORTO

30.000,00 €

ARZÚA

ACTUACIÓNS DE MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS TURÍSTICAS. RECUPERACIÓN E MELLORA DA FONTE DA QUENLLA

17.320,12 €

5

 

137.320,12 €

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2024