Miranda fai un seguimento da difícil situación que segue a atravesar Venezuela na reunión cos representantes dos centros galegos daquel país

Na actualidade, os centros galegos de Venezuela contan con máis de 25.000 asociados

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2024

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reuniúse cos representantes dos centros galegos en Venezuela para analizar a difícil situación que segue atravesar o país caribeño e que afecta a comunidade galega residente no país. Durante o encontro, Miranda tamén destacou os acordos asinados o pasado ano con diferentes centros galegos de Venezuela, por un valor de 400.000 euros, destinados a atender as súas necesidades de carácter social, mellorar as instalacións, fomentar a cultura ou apoiar os programas da Secretaría.

Durante a reunión de traballo, tratáronse diversos temas de interese, incluíndo a distribución de axudas de emerxencia social e económicas individuais, destinadas a apoiar a significativa colectividade de galegos residentes no país.

Antonio Rodríguez Miranda subliñou a importancia desta visita para  seguir no día a día as necesidades e desafíos que afronta a comunidade galega en Venezuela. “É esencial manter un diálogo aberto e continuo coas entidades galegas no exterior para poder ofrecer o apoio necesario e asegurar que ningunha persoa quede atrás”, declarou Miranda.

Esta reunión reforza o compromiso da Xunta de Galicia en manter unha conexión estreita cos seus cidadáns no exterior, garantindo que as políticas e axudas cheguen de maneira eficaz a quen máis o precisa.

Durante a reunión matizouse polo miúdo o desenvolvemento dos diferentes programas da Xunta en colaboración coas entidades e a súa orientación axeitada cara o resto do ano 2024.

Así mesmo, valoráronse as distintas actividades de tipo cultural que se están a desenvolver polos centros en toda Venezuela de xeito cotiá.

Na actualidade, os centros galegos de Venezuela contan con máis de 25.000 asociados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2024