Xosé Manuel Merelles pon en valor o Santuario das Ermidas como polo de atracción de visitantes

No decurso da xornada ‘400 anos das Ermidas: Historia dun Santuario’, lembrou o compromiso da Xunta por incrementar o interese turístico do Concello do Bolo

O Bolo (Ourense), 25 de maio de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta tarde no Concello do Bolo, na xornada de conferencias ‘400 anos das Ermidas: Historia dun Santuario’, onde puxo en valor “a relevancia deste tipo de elementos patrimoniais de Galicia” e de Ourense, en particular.

Durante a súa intervención, destacou “o enclave natural no que se atopa o santuario, as paisaxes que animan á reflexión e ao descanso configurando un patrimonio natural ao que se suma o cultural, o arquitectónico, a gastronomía e tantas opcións que queremos poñer en valor desde o Goberno autonómico”.

Neste sentido, Xosé Manuel Merelles salientou a aposta do seu departamento por promocionar todos estes aspectos de interese para turistas e visitantes e subliñou que, seguindo esa premisa, leva realizando nos últimos anos no Concello do Bolo “actuacións que contribuíron a incrementar o interese turístico por este municipio”. Referiuse á participación autonómica na recuperación paisaxística do contorno do Castelo do Bolo, á rehabilitación do Muiño Hidroeléctrico nas Ermitas, ao impulso dado ao Camiño de Inverno, e á sinalización dos miradoiros desde os que poder gozar das excelencias paisaxísticas deste Concello.

Xosé Manuel Merelles tamén lembrou que se ten investido máis de medio millón de euros na promoción dos xeodestinos Trevinca-Valdeorras e Manzaneda-Trevinca e o Plan de Sustentabilidade Turística para a comarca de Valdeorras por 1,5M€ dentro do Plan de Enogastronomía deseñado pola Xunta con fondos europeos.

Referíndose a xornada ‘400 anos das Ermidas: Historia dun Santuario’, subliñou que “non só serve para conmemorar a presenza ao longo dos séculos de institucións ou edificios coma o Santuario das Ermidas, senón que tamén contribúen a espallar a cultura e a identidade do noso pobo”. Ademais, tivo palabras de recordo para o historiador Antonio Castro Voces, a quen se homenaxeou durante o encontro. “Antonio foi todo un exemplo de vida dedicada ao estudio e divulgación destas terras”, sentenciou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/05/2024