O conselleiro do Mar visita o obradoiro do proxecto H2020 TransformAr

Alfonso Villares sitúa a innovación no ámbito mariño como peza chave para avanzar na resiliencia e sustentabilidade da acuicultura galega

O responsable autonómico enxalza como modelo a elaboración do Índice de Resiliencia Operativa do proceso de cultivo de mexillón na ría de Arousa como grupo de investigación REDE da Universidade de Vigo

Este taller está enmarcado nun dos proxectos da Misión de Adaptación ao Cambio Climático da Comisión Europea co obxectivo de buscar solucións transformadoras de adaptación aos efectos do quentamento global

O reforzo da captación de datos climáticos, a utilización de sistemas tecnolóxicos compartidos para mellorar o fluxo de información e proporcionar asistencias técnicas que facilite a adopción de tecnoloxías punteiras entre as principais conclusións

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 24 de maio de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, situou a innovación no ámbito mariño como peza angular no avance cara unha maior resiliencia e sustentabilidade da acuicultura galega. Así o dixo o responsable autonómico durante a visita ao obradoiro Solucións de adaptación ao cambio climático no sector do mexillón de Galicia- índice de resilencia que se celebrou no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa. No evento participaron técnicos de organismos como Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), e do grupo de investigación Rede da Universidade de Vigo.

O titular de Mar enxalzou como modelo o traballo realizado por este grupo de investigadores na elaboración do Índice de Resiliencia Operativa do proceso de cultivo de mexillón na ría de Arousa que foi presentado no evento. Baseado nun traballo construtivo entre o coñecemento científico e o do propio sector cara unha mellora da xestión da produción do mexillón implantando un sistema de monitorización en tempo real, gañando eficiencia e sustentabilidade.

Alfonso Villares destacou que a investigación ten un papel fundamental á hora de achegar as ferramentas necesarias para afrontar os desafíos presentes e futuros ao redor dos efectos do cambio climático no comportamento das correntes mariñas ou na temperatura dos océanos entre outros. Unha liña que se traballa desde a Consellería do Mar para coordinar esforzos na adaptación do sector fronte este reto.

Esta cita esta enmarcada no proxecto H2020 TransformAr ‘Impulsando a adaptación transformadora de Europa: solucións innovadoras vinculadas á auga’, un dos programas emblemáticos da Misión de Adaptación ao Cambio Climático da Comisión Europea, aprobado na convocatoria Green Deal 2020. Conta con 22 socios de 11 países e está a desenvolver seis demostradores dos cales un ten lugar en Galicia e está dirixido ao sector do mexillón e do marisqueo a pé baixo a coordinación do Cetmar e coa participación do IIM-CSIC, da Universidade de Vigo e a colaboración da Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga).

Principais conclusións

Na xornada os investigadores participantes amosaron a necesidade de reforzar a captación de datos climáticos e océano-meteorolóxicos mediante o desenvolvemento de sensórica a un coste asequible e de fácil implementación. Tamén a importancia de utilizar sistemas tecnolóxicos compartidos para mellorar os fluxos de información dixital ao longo da cadea de subministro. Por último, a relevancia de proporcionar asistencias técnicas que facilite a adopción de tecnoloxías punteiras para que esta se realice dun xeito máis eficiente e efectivo.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 24/05/2024