O director do Instituto de Estudos do Territorio participou nunha xornada do curso de monitorado ambiental organizado pola Fundación Eduardo Pondal

A Xunta salienta a importancia de abordar o estudo da paisaxe desde unha perspectiva multidisciplinar

Enrique de Salvador incide na importancia de afondar no coñecemento para concienciar da importancia de garantir a preservación do patrimonio paisaxístico

Camariñas (A Coruña), 25 de maio de 2024

A Xunta de Galicia salienta a importancia de abordar o estudo da paisaxe desde unha perspectiva multidisciplinar que englobe tanto a realidade material e tanxible do territorio como a súa dimensión social e histórica.

Segundo lembrou hoxe o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, o Convenio Europeo da Paisaxe recolle a necesidade de implementar medidas de sensibilización, formación e educación para comprender tanto a situación actual das contornas, como a súa evolución e a súa influencia na sociedade.

Durante a súa participación no curso de monitorado ambiental que organiza a Fundación Eduardo Pondal, que se está a desenvolver no primeiro trimestre de 2024 en diversos concellos da Costa da Morte, puxo en valor o compromiso desta entidade coa formación nesta materia.

De feito, entre outras cuestións, o curso inclúe aspectos como o valor patrimonial da paisaxe; a súa importancia para garantir o benestar e a calidade de vida; a súa relevancia na formación da identidade individual e colectiva; a súa consideración como recurso económico, ou o seu papel como fonte de inspiración e soporte para a arte.

Colección Paisaxe Galega

De Salvador incidiu tamén na importancia de afondar no coñecemento para concienciar da importancia de garantir a preservación do patrimonio paisaxístico. Nese senso, lembrou que a Xunta puxo en marcha a Colección Paisaxe Galega, que consiste nun conxunto de publicacións monográficas elaboradas co fin de ofrecer consellos e recomendacións para avanzar na protección das diferentes formas de paisaxe existentes na Comunidade, e que certo tipo de actuacións —edificacións de calquera natureza, peches, equipamentos de uso público, etc.— poidan lograr unha boa integración coa contorna onde se sitúan.

Na actualidade esta colección con 15 volumes relacionados coa integración e as boas prácticas en distintos eidos como os núcleos rurais, os espazos urbanos, os miradoiros ou os emprazamentos publicitarios, e que se complementa tamén co visor interactivo A paisaxe de Galicia desde a bicicleta e mais co Atlas da Paisaxe dos Camiños Xacobeos.

E, segundo indicou o director do IET, nos vindeiros meses está prevista a presentación de tres novas guías de boas prácticas: a de integración das terrazas no espazo público, que se está a consensuar co sector; a guía para a execución de áreas de lecer; e un novidoso manual metodolóxico para a análise da ordenación do territorio baixo os efectos do cambio climático.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/05/2024