A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse coa alcaldesa da localidade

A Xunta e o Concello de Mos avalían vías de colaboración para a mellora das redes de abastecemento e saneamento da localidade

Ángeles Vázquez puxo en valor o proxecto municipal para crear un espazo verde municipal xunto ao parque empresarial da Veigadaña

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, avaliaron, nunha reunión que mantiveron recentemente, vías de colaboración para a mellora das redes de abastecemento e saneamento da localidade.

Máis polo miúdo, a conselleira e a rexedora analizaron o estado de proxectos como o saneamento da urbanización San Antoíño e de varios lugares das parroquias de Louredo e Tameiga, que na actualidade se atopan en distintas fases de tramitación. Ademais, tamén revisaron a iniciativa municipal para ampliar e mellorar a rede de saneamento integral, que prevé a execución de 6.300 metros de colectores repartidos en varios ramais ao longo das parroquias de Louredo, Guizán, Torroso e Cela co obxectivo de chegar á máxima extensión do concello.

Nesa liña, Ángeles Vázquez incidiu en que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á s súa veciñanza.

A maiores, a alcaldesa informou á conselleira do proxecto municipal para crear un espazo verde municipal xunto ao parque empresarial da Veigadaña. A conselleira puxo en valor esta iniciativa e enxalzou o compromiso do Concello co desenvolvemento dunha infraestrutura verde local, que permitirá mellorar a resiliencia ante o cambio climático e contribuirá á conservación da biodiversidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/05/2024