A conselleira do Medio Rural clausurou o acto do X Encontro coa industria alimentaria organizado por Vegalsa-Eroski

María José Gómez destaca a calidade do sector agroalimentario galego e compromete o seu impulso dentro e fóra de Galicia

Resaltou a importancia das empresas de distribución dentro da cadea de valor, ao igual que os produtores e a industria, para achegar aos consumidores os produtos alimentarios 

A maiores, puxo de relevo eidos de referencia en Galicia como son o lácteo, o cárnico e o vitivinícola, fundamentais para o crecemento económico sostible e sinónimo de aposta polo futuro do rural

Nesta liña, sinalou como exemplo os distintivos Galega 100% ou leite de pastoreo para destacar o labor dos produtores lácteos; ou os 36 selos de calidade diferenciada coa que conta a nosa comunidade

A Coruña, 24 de maio de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, clausurou hoxe o X Encontro coa industria alimentaria organizado por Vegalsa-Eroski na Cúpula Atlántica do Monte de San Pedro da Coruña, onde aproveitou para poñer en valor a calidade do sector agroalimentario galego, que é un referente a nivel nacional, e manifestar o compromiso da Xunta de Galicia por seguir potenciándoo dentro e fóra de Galicia.

Neste acto de clausura, a conselleira estivo acompañada polo director xeral de Vegalsa-Eroski, José Manuel Ferreño; o seu ex-director nos últimos 25 anos, Joaquín González; o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, José Balseiros; a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez; e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

Na súa intervención, Gómez destacou o compromiso da Xunta por seguir potenciando os produtos agroalimentarios galegos fóra tamén do noso territorio. Por iso, sinalou que é preciso contar co apoio de empresas distribuidoras como é Vegalsa-Eroski, que son unha parte imprescindible da cadea de valor para achegar estas producións aos consumidores tralo labor feito polos propios produtores e o resto da industria.

Sectores de referencia

A conselleira do Medio Rural puxo de relevo os sectores lácteo, cárnico e vitivinícola, nos que Galicia é un referente e son pezas fundamentais para o crecemento económico sostible e a aposta polo futuro do rural.

Nesta liña, recalcou que Galicia produce case a metade do leite de España, está entre as principais produtoras de carne, tanto de vacún como avícola ou porcina, e os seus viños están entre os máis vendidos en España grazas ás cinco denominacións de orixe galegas. Para seguir potenciando estes eidos produtivos, a conselleira destacou as estratexias sectoriais elaboradas para cada un deles e que serán determinantes de cara ao futuro.

A maiores, tamén manifestou a importancia da imaxe de marca e puxo como exemplo Galega 100% ou a leite de pastoreo como distintivos que resaltan o bo facer dos produtores lácteos galegos. Ademais, reflexou a importancia dos selos de calidade diferenciada como son as denominacións de orixe ou as indicacións xeográficas protexidas, das cales hai 36 recoñecidas en Galicia, que son un “motor económico” para o rural no que principalmente se producen.

Folla de ruta a seguir

Durante a súa intervención, a conselleira do Medio Rural especificou as metas definidas para seguir traballando a prol do sector agroalimentario, que pasan por ampliar o posicionamento dos produtos galegos no mercado nacional e internacional, a diversificación das producións do agro, o fomento da remuda xeracional e o fomento da industrialización do rural, que debe estar precedida da súa transformación para xerar valor engadido. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/05/2024