A conselleira, María Martínez Allegue, participou hoxe na Conferencia Sectorial de Vivienda y Agenda Urbana convocada polo Ministerio para abordar o impacto dos pisos turísticos sobre a vivenda residencial a prezos accesibles

A Xunta esixe que a Lei de Vivenda garanta a seguridade xurídica dos propietarios

A conselleira subliña que Galicia conta xa cun decreto que regula o uso das Vivendas de Uso Turístico

Martínez Allegue solicita que a plataforma de vivendas anunciada hoxe polo Goberno para finais de 2025 sexa compatible coas que xa contan algunhas CCAA como a galega

Lamentou que a vontade de consenso para facilitar a posta en marcha desta nova base de datos “non se seguira antes coa aprobación da Lei de Vivenda”

Madrid, 24 de maio de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Alegue, acompañada polo director da Axenda de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, participou na reunión da Conferencia Sectorial de Vivienda y Agenda Urbana para abordar, “supostamente”, o impacto dos pisos turísticos sobre a vivenda residencial a prezos accesibles.

Tralo encontro, Martínez Allegue sinalou que a orde do día non casa có asunto tratado. A ministra expuxo a intención de adiantar o prazo final establecido polo regulamento europeo para a creación da Plataforma de datos sobre vivendas turísticas a finais de 2025, e quere contar coa colaboración das CCAA e entidades locais. 

Martinez Allegue agradeceu a convocatoria ministerial “no marco da colaboración coas comunidades autónomas e locais”, aínda que lamentou que esta vontade de consenso “non se seguira antes coa aprobación da Lei estatal de Vivenda”. Citou que a “ineficacia” da Lei polo dereito á vivenda estatal que ten efectos contrarios aos desexados e debe “garantir a seguridade xurídica dos propietarios”.

A conselleira afirmou no encontro que Galicia foi xa unha das autonomías pioneiras en poñer en marcha unha regulación que funciona, avalado pola Xustiza, e que permitiu establecer un marco autonómico eficaz en relación ás vivendas de uso turístico.

Recordou que se ten solicitado en varias ocasións as vivendas que a Sareb ten en Galicia naqueles territorios onde existe demanda de vivenda, “e aínda non temos resposta”. Tamén se solicitou no encontro mantido este mes coa ministra que a Comunidade sexa incluída no proxecto Viena, polo que a Sareb porá solo a disposición dos promotores para que constrúan vivendas para alugueiro que, pasado o prazo de concesión, pasarán a mans dos concellos ou das comunidades autónomas ás que Sareb transfira a actuación antes da extinción da sociedade. 

Data de actualización: 24/05/2024