A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou na inauguración da Festa da troita de Bande

Ángeles Vázquez pon en valor a implicación dos pescadores no coidado do medio ambiente e da contorna

Fai fincapé en que contan coa colaboración e man tendida da Xunta para garantir o obxectivo de preservar o estado dos distintos recursos e garantir a sostibilidade da pesca deportiva de cara ao futuro

Bande (Ourense), 24 de maio de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo en valor a implicación dos pescadores no coidado do medio ambiente e da contorna durante a inauguración da Festa da troita de Bande.

A conselleira fixo fincapé en que os pescadores contan coa “colaboración e man tendida” da Xunta para garantir o obxectivo de “preservar o estado dos distintos recursos e garantir a sostibilidade desta práctica de cara ao futuro”.

A maiores, logo de salientar que esta festa foi declarada de Interese Turístico de Galicia no ano 2013, a conselleira subliñou que esta celebración é a “conxunción perfecta de paisaxe, natureza e hospitalidade”, que contribúe, ademais, a espertar vocacións entre os máis novos para garantir a remuda xeracional na pesca deportiva da Comunidade.

Nese senso, cómpre lembrar que unha das principais novidades da Lei de pesca continental, que foi aprobada no ano 2021, é a exención do pago de taxas para menores de idade e maiores de 65 anos. De feito, segundo lembrou Ángeles Vázquez, máis de 13.000 persoas se benefician desta iniciativa esta temporada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/05/2024