A delegada territorial participou esta tarde en Valdoviño nos actos co gallo do primeiro aniversario deste recoñecemento da Unesco

Aneiros celebra o aniversario do Xeoparque Cabo Ortegal poñendo en valor o traballo de divulgación e preservación do patrimonio xeolóxico da zona

Destaca que esta declaración “ten contribuído a fortalecer o sentido de comunidade e impulsado un desenvolvemento sostible desta comarca”

Lembra que a Xunta apoia este proxecto a través da concesión de 1,5 M€ dos fondos Next Generation, dentro da convocatoria extraordinaria dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino

Valdoviño (A Coruña), 24 de maio de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, puxo en valor o compromiso e traballo de divulgación e preservación do patrimonio xeolóxico realizado para a consecución da declaración do Cabo Ortegal como Xeoparque Mundial da Unesco. A representante do Goberno galego participou esta tarde nos actos organizados pola Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal co gallo do primeiro aniversario deste recoñecemento.

“A designación como Xeoparque Mundial da Unesco, o segundo que temos en Galicia, tennos brindado unha plataforma para destacar e compartir as nosas marabillas naturais co mundo. Unha declaración que ten contribuído a fortalecer o noso sentido de comunidade e ten impulsado o desenvolvemento sostible deste recuncho do noroeste peninsular que é a comarca do Ortegal”, destacou.

Aneiros avogou por compatibilizar o incremento do turismo responsable que está a experimentar a zona “co firme compromiso de conservación do entorno” e lembrou o respaldo da Xunta ao proxecto no marco do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral, deseñado polo Goberno autonómico con fondos Next Generation e que inclúe 1,5 M€ para un Plan de Sustentabilidade do Xeoparque.

A delegada territorial concluíu animando ás administracións implicadas a seguir implementando “prácticas sostibles que aseguren que as futuras xeracións poidan gozar deste tesouro nacional” e manifestou o seu desexo futuro dun Cabo Ortegal “onde o equilibrio entre o desenvolvemento humano e a preservación do medio ambiente sexa exemplar”.

Data de actualización: 24/05/2024