A Xunta promove a socialización da mocidade nun ambiente saudable a través da súa Rede de Espazos Xoves

Os centros, 12 en total, ofrecen actividades de balde para persoas entre 14 e 30 anos

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, destaca a súa importancia “como lugares de encontro e dinamización do ocio xuvenil”

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 24 de maio de 2024

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou hoxe o Espazo Xove de Vilagarcía de Arousa, onde destacou a importancia destes recursos para a socialización dos máis novos, ofrecerlle á mocidade actividades de lecer e de balde e facilitarlles un lugar de convivencia para o tempo libre.

Así, durante a súa participación nun obradoiro de cerámica, Lara Meneses sinalou o importante papel que fan os 12 Espazos Xove espallados por toda Galicia “como lugares de encontro e de dinamización do ocio xuvenil que veñen completar a ampla oferta de actividades educativas que a Xunta pon a disposición da mocidade”. Esta opción súmase así aos programas Outono Xove, Primavera Xove, o Día da Xuventude ou a Campaña de Verán.

Nestes centros os mozos e mozas de entre 14 e 30 anos poden participar en diversas propostas que van dende as deportivas (breaking dance, skate) ás artísticas (pintura, canto, fotografía), ademais de ter á súa disposición un lugar de xuntanza para realizar algunha actividade por libre, ben sexa facer un traballo, compartir xogos de mesa ou escoitar música conxuntamente.

A iniciativa, que pretende contribuír ao desenvolvemento persoal nun ambiente saudable, complétase cun servizo de asesoramento para as persoas usuarias en materias de interese xuvenil, como poden ser as relacionadas co emprego, orientación académica, bolsas, asociacionismo ou Carné Xove.

Os Espazos Xove, dependentes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, están situados nos concellos de Tui, Vilagarcía, Lalín, Ourense, Viveiro, Vilalba, Chantada, Betanzos, Curtis, Pontedeume, Carballo e Noia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/05/2024