O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración recibiu á presidenta e ao director xerente da Asociación galega de cooperativas agroalimentarias (Agaca)

A Xunta reforza o traballo conxunto coas cooperativas do sector primario para cubrir as vacantes laborais existentes

Neste novo encontro no marco do proceso de diálogo aberto con diferentes axentes xeradores de emprego abordouse a constitución dun grupo de traballo para atallar a escaseza de man de obra en sectores como o lácteo ou o vitivinícola

Tamén se tratou o desenvolvemento da nova Lei de cooperativas, coa que se persegue axilizar a creación de novas entidades ademais de consolidar as existentes

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, vén de reunirse coa presidenta da Asociación galega de cooperativas agroalimentarias (Agaca), Carmen Rodríguez, e co director xerente, Higinio Mougán, no marco do proceso de diálogo aberto por González desde a súa chegada á Consellería. Sobre a mesa, a necesidade de atallar a escaseza de man de obra en diferentes perfís do sector primario.

Así, na xuntanza abordouse a constitución dun grupo de traballo co sector para buscar solucións á falta de persoas traballadoras en eidos como o lácteo ou o vitivinícola. Formaría parte da estratexia decidida da Xunta para casar oferta con demanda, na que se enmarcan accións como a modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia a través da ferramenta de intelixencia artificial EMi ou o deseño de microformacións da man das empresas e clústeres para axustar os perfís profesionais ás necesidades detectadas e dar resposta ás 12.000 vacantes laborais existentes na Comunidade.

No encontro tamén se falou da nova Lei de cooperativas de Galicia, coa que o Goberno autonómico quere avanzar na desburocratización para axilizar a creación de entidades, ao tempo que se garantirá a consolidación das existentes ao abeiro da economía social. Nese senso, cabe recordar que no último ano se crearon un total de 130 novas cooperativas, o que supón un crecemento do 7,69% con respecto a 2022.

Apoio á economía social

A Xunta ten en marcha a 2ª Estratexia galega da economía social Horizonte 2027, que persegue posicionar esta fórmula empresarial nos sectores verde, sustentable, industrial, tecnolóxico e dixital, ao tempo que contén medidas para xerar 4.000 empregos e crear 400 novas entidades.

Para seguir dándolle pulo á economía social, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración conta neste 2024 cun orzamento de 43,6 millóns, un 3% máis que no último exercicio. No que vai de ano xa se teñen convocado máis de 36 millóns en axudas para apoiar a creación e consolidación de negocios ao abeiro deste ecosistema económico e para impulsar o emprego inclusivo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/05/2024