O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe o sitio no que se acometerá a actuación

A Xunta achegará ao Concello de Fornelos de Montes máis dun millón de euros para converter as antigas vivendas dos mestres nun fogar residencial para persoas maiores

Financiaranse o 100% das obras de acondicionamento para dotar ao municipio dun centro residencial que terá ata un máximo de 16 prazas e será de xestión municipal

A actuación forma parte dun Plan de investimentos de 18,5 millóns de euros que está a desenvolver o Goberno galego para fortalecer a rede de centros de atención ás persoas maiores que dependen dos entes locais

Fornelos de Montes (Pontevedra), 24 de maio de 2024

A Xunta de Galicia achegará máis dun millón de euros ao Concello de Fornelos de Montes para cubrir o 100% das obras de rehabilitación das vivendas dos mestres do antigo colexio como fogar residencial para persoas maiores, cuxa construción e futura xestión correrá a cargo do ente local. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá o lugar acompañado do alcalde do concello, Emiliano Lage.

Perfecto Rodríguez explicou que esta actuación, que dotará á localidade pontevedresa dun servizo residencial con capacidade para aloxar a entre 12 e 16 persoas, forma parte da vintena que sufragará a Xunta con cargo ao Plan de investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais de titularidade municipal. Esta plan dispón dun orzamento de 18,5 millóns de euros e está financiado pola Unión Europea, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia.

O xerente do Consorcio destacou que o devandito Plan suporá un importante reforzo para a rede pública de residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais que dependen das administracións locais. Non só en canto á mellora de instalacións, tamén implicará a creación de 500 novas prazas públicas de residencias e outras 150 de atención diúrna.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/05/2024