A Xunta convoca 2,25 M€ en axudas para a innovación e dinamización dos centros comerciais abertos galegos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que poderá destinarse a accións de dinamización comercial, fidelización de clientela, dixitalización ou para o mantemento da unidade xerencial

O prazo de solicitude das achegas arranca mañá e prolongarase ata o 24 de xuño

Esta convocatoria complementarase con outra nova -no segundo semestre do ano- para financiar iniciativas dinamizadoras dos centros comerciais abertos, co obxectivo de reforzar este sector, garantir a súa remuda e xerar puntos de atracción comercial

As dúas iniciativas entroncan no compromiso de impulsar a competitividade do tecido comercial galego, asegurando a viabilidade e renovación xeracional dun sector chave no desenvolvemento da nosa Comunidade

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que cun importe de 2,25 millóns de euros busca impulsar a innovación e dinamización dos centros comerciais abertos da Comunidade. Enmarcado no compromiso coa revitalización do comercio local como elemento esencial do desenvolvemento económico e social das vilas e cidades galegas, a Xunta convoca esta orde de axudas que o ano pasado chegou a 51 asociacións deste tipo das catro provincias.

As achegas máximas desta convocatoria poderán alcanzar os 52.000 euros e destinarse a actuacións de dinamización comercial, fidelización de clientela, dixitalización ou para o mantemento da unidade xerencial. Grazas á aportación autonómica da Xunta, os beneficiarios teñen a oportunidade de financiar gastos derivados de campañas de dinamización, feiras de oportunidades ou eventos de promoción comercial. Tamén descontos de aparcamentos vencellados coas vendas, envíos en liña, mantemento de marketplaces, ou de desenvolvemento de apps de fidelización.

Estas axudas teñen como potenciais beneficiarias asociacións de comerciantes de carácter territorial e sen ánimo de lucro que, legalmente constituídas, desenvolvan proxectos de interese para revitalizar a actividade comercial nas súas localidades. Tanto no caso das sete grandes cidades como do resto dos concellos, estes centros deben contar cunha xestión profesionalizada, delimitación territorial definida, diversidade de oferta comercial e, como mínimo, representar 50 negocios retallistas.

Cómpre engadir que na convocatoria deste 2024 se ofrecerá un tratamento diferenciado aos centros situados nas sete grandes cidades de Galicia e aos do resto de concellos. Búscase así dar unha mellor resposta ás necesidades de cada un dos dous grupos, buscando o fortalecemento da oferta destas entidades comerciais para que sexan foco referente de atracción económica.

Canto ao prazo de solicitude destes 2,25 millóns de euros en axudas, arranca mañá sábado e prolongarase ata o vindeiro 24 de xuño de 2024.

Convocatoria novidosa

No marco da aposta da Xunta polos centros comerciais abertos de Galicia, a orde publicada hoxe complementarase, por primeira vez, cunha convocatoria que se lanzará no segundo semestre do ano para financiar proxectores tractores de dinamización destas entidades que favorezan a innovación e a competitividade do comercio local.

A finalidade desta segunda orde, de carácter novidoso, será a de contribuír ao impulso da modernización do sector comercial galego co gallo de reforzar a economía local. Deste xeito, e dentro da aposta por un sector absolutamente estratéxico, a Xunta seleccionará e financiará iniciativas propostas polos propios centros comerciais abertos, para que poidan afondar na diferenciación dos seus produtos e servizos, e se confirmen como axentes primordiais da xeración de riqueza e emprego, ao tempo que se lle dá pulo ao territorio e se fixa poboación, contribuíndo á revitalización dun sector chave no desenvolvemento das vilas e cidades galegas.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240524/AnuncioG0767-100524-0001_gl.html

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/05/2024