A Xunta traballa para intensificar as políticas en materia de seguridade industrial

A directora xeral de Estratexia industrial e solo empresarial, Margarita Ardao, clausurou hoxe o VI Congreso internacional de seguridade e portos

Apunta que está previsto a posta en marcha do Consello Galego de Seguridade Industrial para coordinar as diferentes medidas neste eido

A Coruña, 23 de maio de 2024

A directora xeral de Estratexia industrial e solo empresarial, Margarita Ardao, clausurou hoxe o VI Congreso internacional de seguridade e portos, onde ratificou o traballo que está a desenvolver a Xunta de Galicia por intensificar as políticas en materia de seguridade industrial.

Ao respecto, apuntou que está previsto a posta en marcha do Consello Galego de Seguridade Industrial, un órgano consultivo e de participación para o impulso e a coordinación das actuacións relativas á seguridade industrial en Galicia, do que formarán parte entidades do sector público e privado vinculadas a este ámbito.

Segundo precisou a directora xeral, un dos cometidos deste organismo será articular medidas para a prevención e a limitación de riscos nas instalacións industriais, o que repercutirá na mellora dos contratos de aseguramento, así como na formación e na concienciación da seguridade industrial.

Ademais, explicou que a Consellería de Economía e Industria vai aprobar o Plan de inspección en materia de seguridade industrial, cuxo obxectivo será comprobar a adecuación da posta en funcionamento e as condicións de servizo dos establecementos, instalacións, actividades e produtos respecto aos diferentes regulamentos industriais. 

Margarita Ardao apuntou que a Xunta quere reforzar as actividades dirixidas á inspección e que, para apoiar o cumprimento da normativa, se van desenvolver un conxunto de actuacións de difusión e promoción da seguridade industrial, para concienciar ás empresas, persoas traballadoras e á sociedade do que supón manter as instalacións coa máxima calidade e posta en servicio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2024