A actuación busca incrementar a comodidade e a seguridade viaria dos usuarios das vías LU-212 e LU-221
A Xunta recibe once ofertas para as obras da mellora do firme en dúas estradas autonómicas da provincia de Lugo ao seu paso por Monterroso, Taboada e Palas de Rei
A actuación prevé intervencións ao longo dos arredor de 20 km de lonxitude que suman as dúas estradas que conforman o eixe de comunicación destes tres municipios, realizando reforzos localizados e puntuais do pavimento
Os traballos contan cun prazo de execución de seis meses e a previsión é poder inicialos no verán
Santiago, 23 de maio de 2024
A Xunta recibiu once ofertas para executar as obras de mellora do firme en dúas estradas autonómicas da provincia de Lugo ao seu paso polos concellos de Monterroso, Taboada e Palas de Rei, licitadas por máis de 1,1 M€.
En concreto, esta actuación, que terá un prazo de execución de seis meses e cuxo inicio prevese para o verán, busca incrementar a comodidade e a seguridade viaria dos usuarios das estradas LU-212, que une Taboada e Monterroso, e a LU-221, que vai de Monterroso a Palas de Rei.
Deste xeito, as intervencións permitirán actuar e mellorar o firme naquelas zonas onde é necesario ao longo dos arredor de 20 km de lonxitude que suman estas dúas vías da Xunta, realizando reforzos localizados e puntuais do pavimento.
Os traballos nestas 2 estradas autonómicas que conforman o eixe de comunicación Taboada-Monterroso-Palas de Rei é reparar e renovar o firme nas zonas onde é preciso actuar para adecualo ás necesidades de durabilidade e funcionais das propias vías, co fin último de garantir a seguridade a comodidade nos desprazamentos dos veciños.
Repararanse posibles fisuras e cuarteos, renovando o firme nas zonas nas que este se atope máis deteriorado nestas dúas vías de titularidade autonómica que soportan un tráfico que se sitúa arredor dos 2.200 vehículos ao día.